DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade laboral regresará o día 17 aos campus de Ourense e Pontevedra e o 18 a Vigo

A UVigo pecha por vacacións entre o 3 e o 14 de agosto

O curso académico 2026/2027 arrancará o 7 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 31/07/2026

Dende o día 3 e ata o día 14 de agosto, ambos incluídos, os centros, dependencias e instalacións da Universidade de Vigo permanecerán pechados coincidindo co período de vacacións de verán. A actividade retomarase o luns 17 nos campus de Ourense e Pontevedra e o martes 18 no de Vigo, xa que o día 17 será festivo na cidade olívica ao coincidir a celebración de San Roque en domingo.

Nesa segunda quincena de agosto manterase o horario reducido de verán de 09.00 horas a 14.00 horas e as instalacións e servizos estarán pechadas en horario de tarde.

Actos de benvida e inauguración oficial do curso do SUG

O 1 de setembro retomaranse os horarios habituais nas instalacións da UVigo e o curso académico arrancará o luns 7 de setembro. A semana anterior terán lugar os actos de benvida nos tres campus para o alumnado de novo ingreso, concretamente o día 1 no pavillón de deportes do campus de Ourense, o día 2 en Pontevedra, no vestíbulo das facultades de Comunicación e de Dirección e Xestión Pública e o día 3 en Vigo, no pavillón universitario. 

O día 4 será non laborable na UVigo, polo que permanecerán pechadas as dependencias universitarias. Porén, e por causa da axenda das autoridades asistentes, o acto oficial de apertura conxunta do curso académico 2026/2027 das universidades galegas terá lugar o martes día 8 de setembro na Universidade de Vigo.

Servizos mínimos

A pesar do peche xeneralizado na primeira quincena de agosto, a instrución da Xerencia recolle uns efectivos mínimos para a prestación de servizos esenciais, con tres técnicos do Servizo de Apoio á Investigación e Desenvolvemento (SAID; dous do Servizo de Recursos Humanos de Investigación (SRHI); outros dous do Servizo de Persoal Docente e Investigador (SPDI); tres na Área de Tecnoloxías da Comunicación e Información (ATIC); tres no CACTI, dous no CINBIO, dous no CIM e un na Unidade de Servizos Xerais -Xardinería.

Para as persoas que deberán traballar durante o período de peche ou outras que precisen acceder ás instalacións establécese un protocolo de entrada, sempre que se conte cunha autorización do responsable correspondente. As indicacións poden consultarse na instrución da Xerencia.