Manteranse os efectivos precisos para a prestación de servizos esenciais
A UVigo pecha por vacacións entre o 4 e o 18 de agosto
Dende o día 4 e ata o día 18 de agosto, ambos incluídos, os centros, dependencias e instalacións da Universidade de Vigo permanecerán pechados coincidindo co período de vacacións de verán. Como se recolle na instrución da Xerencia, o día 19 volverán abrir todas as instalacións e centros, aínda que con horario reducido de verán de 09.00 horas a 14.00 horas. En setembro retomaranse os horarios habituais e o curso académico arrancará o 8 de setembro.
O obxectivo deste peche estival, que se puxo en marcha por primeira vez en 2019, é avanzar no compromiso coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático por parte da institución académica viguesa e do seu persoal.
Servizos mínimos
A pesar do peche xeralizado, a instrución da Xerencia recolle uns efectivos mínimos para a prestación de servizos esenciais, con tres técnicos no CACTI, dous no Animalario do CINBIO, dous no CIM, un na Unidade de Servizos Xerais de Apoio e tres na Área de Tecnoloxías da Comunicación e Información (ATIC).
Para as persoas que deberán traballar durante o período de peche ou outras que precisen acceder ás instalacións establécese un protocolo de entrada, sempre que se conte cunha autorización do responsable correspondente. O persoal que teña unha tarxeta de acceso debidamente autorizada utilizará este mecanismo, mentres que as persoas que non dispoñan da tarxeta de acceso deberán chamar ao Centro de Control do servizo de vixilancia (teléfono: 618873387) informando do centro, instalación ou dependencia ao que se precisa acceder. Así mesmo deberá comunicarse a saída ao Centro de Control do servizo de vixilancia.
