Manteranse os efectivos precisos para a prestación de servizos esenciais
A UVigo pecha por vacacións entre o 5 e o 20 de agosto
Dende o día 5 e ata o día 20 de agosto, ambos incluídos, os centros, dependencias e instalación da Universidade de Vigo permanecerán pechados coincidindo coas vacacións de verán. O obxectivo desta medida, implantada no ano 2019, é avanzar no compromiso coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático por parte da institución académica viguesa e do seu persoal. Con este peche de algo máis de dúas semanas optimízanse os recursos e increméntase o aforro enerxético e económico.
Como se recolle na instrución da Xerencia, o día 21 volverán abrir todas as instalacións e centros, aínda que con horario reducido de verán de 09.00 horas a 14.00 horas. En setembro retomaranse os horarios habituais.
Servizos mínimos
A pesar do peche xeralizado, a instrución da Xerencia recolle uns efectivos mínimos para a prestación de servizos esenciais, con tres persoas no CACTI, dúas no Animalario do CINBIO, dúas no CIM, unha na Unidade de Servizos Xerais de Apoio, tres na Área de Tecnoloxías da Comunicación e Información (ATIC), dúas no Servizo de Apoio á Investigación e Desenvolvemento, dúas no Servizo de Persoal Docente e Investigador e outras dúas na Vicerreitoría de Profesorado.
Como acceder ás instalacións pechadas
Para estas persoas que deberán traballar durante o período de peche ou outras eu precisen acceder ás instalación establécese un protocolo de entrada, sempre que se conte cunha autorización do responsable correspondente. O persoal que teña unha tarxeta de acceso debidamente autorizada utilizará este mecanismo, mentres que as persoas que non dispoñan da tarxeta de acceso deberán chamar ao Centro de Control do servizo de vixilancia (teléfono: 618873387) informando do centro, instalación ou dependencia ao que se precisa acceder. Ao edificio acudirá un vixiante do servizo quen, logo da identificación e comprobación oportunas, habilitará a entrada. Así mesmo deberá comunicarse a saída ao Centro de Control do servizo de vixilancia.