A listaxe inclúe un total de 684 institucións lideradas polo ETH Zurich
A UVigo, no posto 322 do ránking QS de universidades europeas
Os aspectos mellor valorados son a sostibilidade e as redes de investigación internacionais
O QS World University Rankings: Europe 2025, publicado este mércores, sitúa a Universidade de Vigo no posto 322 das mellores do continente. A listaxe analiza máis de 680 institucións de educación superior de Europa, destacando as súas achegas e contribución á educación, a investigación e a innovación.
A clasificación, elaborada por QS Quacquarelli Symonds, emprega 12 indicadores de desempeño que, nesta edición, difiren dos utilizados no QS World University Rankings xeral de 2025, co obxectivo de resaltar as características únicas de Europa como clasificación rexional. A clasificación continental está encabezada polo ETH Zürich – Swiss Federal Institute of Technology, Switzerland, que sube dende o segundo posto acadado o pasado ano. Seguen na listaxe o Imperial College London, en segunda posición e a University of Oxford, na terceira. A primeira institución do Estado español que aparece no ránking é a Universitat de Barcelona, no posto 53, seguida da Complutense no 61 e a Universitat Autònoma de Barcelona no 66. A Universidade de Santiago de Compostela está no posto 218 e a da Coruña no 403.
O eido da sostibilidade, o mellor valorado
Nesta clasificación continental a Universidade de Vigo acada unha puntuación global de 25.3 puntos e destaca especialmente no eido da sostibilidade, no que consegue 65.5 puntos e se sitúa no posto 168 de Europa. Os resultados tamén son salientables no referido a redes de investigación internacional, con 61.8 puntos que sitúan a institución no lugar 193 da táboa. Outros eidos nos que a UVigo consegue uns bos resultados son artigos por facultade, con 39.3 puntos e o posto 202; estudantes de intercambio entrantes (34.1 puntos e posto 193); e estudantes de intercambio saíntes (34.6 puntos e posto 200). Outros eidos que se analizan para a elaboración desta listaxe son a reputación académica, a reputación do empregador, as citas por artigo, os resultados laborais, o ratio de estudantes por docentes, a diversidade de estudantes internacionais e a proporción de docentes internacionais.
En total son 12 indicadores, que difiren dos que se empregan para o ranking QS que se realiza a nivel mundial para adaptalos á realidade europea. Deste xeito, os indicadores de citas por artigo e de artigos por facultade aparecen por separado en substitución do indicador máis amplo de citas por facultade para representar mellor a alta proporción de institucións europeas orientadas á investigación. Por outra banda, a diversidade de estudantes internacionais reempraza o ratio de estudantes internacionais, coa finalidade de reflectir mellor os datos sólidos sobre a diversidade e o rango máis amplo de estudantes internacionais nas universidades europeas. Unha terceira diferencia é a introdución dos ratios de estudantes de intercambio entrantes e saíntes.