DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conta dende 2017 co selo HRS4R para institucións que xeran contornas favorables ao traballo do PDI

A UVigo potencia a súa estratexia para consolidar carreira investigadora de excelencia

A institución continúa implantando estándares europeos para crear unha Universidade máis atractiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 27/05/2024

Desde que a UVigo decidiu en 2016 seguir a recomendación da Comisión Europea de implementar a Carta Europea do Investigador e o Código de Conduta para a contratación de investigadores, a institución non deixou de avanzar na posta en marcha dunha estratexia de recursos humanos para o seu persoal investigador. En 2017 obtivo a acreditación do selo HRS4R, un distintivo de excelencia que identifica as institucións que xeran e apoian a existencia dunha contorna estimulante e favorable ao traballo do persoal investigador. En 2023 renovou este selo e, na actualidade, segue a traballar na mellora dos estándares implantados. 

Dentro desta mellora continua dos procedementos relacionados co desenvolvemento da actividade do PDI, a UVigo elaborou unha ferramenta para axudar o persoal investigador, dunha forma visual, rápida e completa, a comprender as posibilidades e oportunidades que lles ofrece o mercado laboral e o sistema público e privado de investigación e poder así planificar a súa carreira investigadora. Como explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “trátase dunha infografía na que se identifican as distintas axudas que pode solicitar a persoa investigadora en cada momento da súa carreira, en base ao marco europeo da carreira investigadora (R1-R4)”. Este documento Traxectoria profesional investigadora na UVigo dunha ollada! (1ª edición) inclúe ademais as ligazóns nas que se pode ampliar información sobre cada unha das convocatorias e inclúese tamén información sobre outras opcións profesionais alternativas postacadémicas.

O documento é unha adaptación do Research Career Path in Spain at a glance, que a FECYT elaborou para todo o sistema investigador nacional, mostrando de forma clara o progreso e evolución da carreira académica investigadora, detallando en cada paso as oportunidades de financiamento existentes, tanto a nivel galego como estatal e internacional, e no que se incorporaron as axudas propias que a Universidade de Vigo ofrece tanto na etapa predoutoral como na convocatoria de retención do talento para posdoutorais. Neste sentido, a vicerreitora salienta que “somos das poucas universidades que temos este tipo de convocatoria de retención de talento”.

European Framework for Research Careers

Nesta liña, desenvolveuse tamén outra infografía para axudar o persoal investigador a comprender o European Framework for Research Careers, un marco común europeo de normalización que distingue e describe catro perfís xerais sobre o desenvolvemento profesional dos investigadores (R1-R4). Esta clasificación define as habilidades en cada etapa, tanto para o sector público como para o privado, que se inicia coa formación do persoal investigador no doutoramento, e continúa con posteriores niveis de desenvolvemento asociados ao grao de independencia investigadora e que son válidos para calquera sector en particular (universidades, institutos de investigación, empresas...)

Esta información reflectiuse de forma visual e esquemática na infografía Carreira investigadora. Perfís de investigación cos mesmos códigos visuais de cores que na infografía anterior, para facilitar a comprensión de toda a información.

Política de OTM-R

Por outra banda, dentro das accións previstas na estratexia de recursos humanos de investigación da Universidade de Vigo, no mes de decembro o Consello de Goberno aprobou a política de OTM-R da UVigo (Open, Transparent and Merit-based Recruitment), para a contratación de investigadores aberta, transparente e baseada en méritos, que é un dos piares da Carta Europea de Investigadores e, en particular, do Código de Conduta para a Contratación de Investigadores, publicado en 2005. Así, en todas as convocatorias de persoal investigador que se realizan dende a Unidade de Contratación de Persoal Investigador figuran claramente os requisitos esixidos, xunto coa comisión xulgadora, que se publican na plataforma europea Euraxess.

Para a vicerreitora de Investigación, a contratación OTM-R achega “beneficios aos investigadores, ás institucións e ao sistema de investigación dun país. Fai que as carreiras de investigación sexan máis atractivas, garante a igualdade de oportunidades para todos os candidatos e facilita a mobilidade”. 

118 investigadores visitantes no ano 2023

A UVigo tamén desenvolveu un regulamento para acoller persoal nacional ou internacional procedente de calquera entidade de investigación pública ou privada que pretenda realizar unha estadía asociada a unha actividade investigadora na institución olívica. Ademais deste regulamento, desenvolveuse un paquete de benvida na web para axudar antes, durante e trala estadía o persoal investigador. Desde que se implantou no ano 2020 foise incrementado o número de investigadores que visitaron a Universidade de Vigo, con 118 persoas no ano 2023 e como sinala Rubio, “tras unha enquisa, maioritariamente consideraron moi satisfactoria a visita e a acollida na UVigo”. Para a vicerreitora, isto tamén axudará a “acadar máis éxito nas convocatorias de captación de talento como a Beatriz Galindo ou o programa Atrae a nivel nacional, ou as propias da Universidade nas que captamos investigadores de moi alto nivel, ao facer cada vez máis atractiva a nosa Universidade con centros de investigación da rede CIGUS ou colaborativos que xa empezan a ser coñecidos a nivel internacional: atlanTTic, CINBIO, CIM, Cintecx e Ecobas”.

En resumo, a vicerreitora recalca que a Universidade de Vigo continúa implantando os estándares europeos de investigación da Carta Europea do Persoal Investigador e do Código de Conduta para a Contratación do Persoal Investigador (C&C), e mellorando o Plan de Acción do Programa HRS4R co que está comprometida. En conxunto, estas medidas fan da UVigo unha Universidade máis atractiva para acoller persoal investigador e para captar e desenvolver proxectos de investigación punteira”. Entre os próximos obxectivos do programa HR, avanza Rubio, “está converternos nun centro de referencia Euraxess cun apoio máis extenso e global a todo o persoal investigador que chegue á Universidade da Vigo”.