DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 8 de abril

A UVigo premiará a excelencia académica do novo alumnado de doutoramento

En total, a Universidade repartirá 10.500 euros entre o alumnado de 39 titulacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 16/03/2021

Contar cun expediente académico sobresaínte pode ter premio. Co propósito de dar a benvida e recompensar ao novo estudantado de doutoramento, a Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e da Escola Internacional de Doutoramento, EIDO, lanza os Premios á excelencia académica, cos que concederá 42 galardóns de 250 euros a aqueles alumnos e alumnas que conten cunha traxectoria curricular destacada na súa formación anterior.

En total, a Universidade repartirá 10.500 euros entre o alumnado de 39 titulacións, tendo en conta as notas medias dos expedientes académicos de mestrado, grao, licenciatura ou enxeñaría. O número de premios asignado a cada programa de doutoramento pode consultarse no anexo II da convocatoria e varía en función da cantidade de estudantes de nova matrícula que acollan. 

Solicitudes en liña

O estudantado interesado en solicitar os Premios á excelencia académica, compatibles con calquera outro premio ou axuda, debe cubrir o formulario en liña correspondente antes do 8 de abril ás 23.59 horas. Só poderán optar a estes recoñecementos aquelas persoas que estean matriculadas por primeira vez no curso 2020/2021 nos estudos de doutoramento que figuran no anexo da convocatoria, que manteñan a condición de matrícula todo o curso e que teñan unha media ponderada igual ou superior a 1,00.

Na primeira fase do procedemento, unicamente será necesario anexar a certificación académica no caso de ter cursado os estudos previos en universidades distintas á UVigo, aínda que a comisión de avaliación poderá solicitar calquera documentación que precise para valorar correctamente os méritos das interesadas e interesados.

Nun prazo de tres meses, a comisión seleccionará o estudantado beneficiario dos premios baseándose na nota media do grao, licenciatura ou enxeñaría. A esta nota ponderada sumaranse 0,1 puntos se a persoa solicitante ten unha titulación de mestrado rematada ou 60 créditos superados nun mesmo máster.