DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor, Manuel Reigosa, asistiu este martes á inauguración do encontro

A UVigo presenta en Navalia as súas potencialidades como socio de referencia para o sector naval

A institución conta cun posto no que amosa a innovación que se realiza en atlanTTic, CIM e Cintecx

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI 21/05/2024

Os centros de investigación da Universidade de Vigo atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), CIM (Centro de Investigación Mariña) e Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais)  participan desde hoxe e ata o vindeiro xoves na Feira Internacional da Industria Naval,  Navalia 2024, que se celebra desde este martes ata o xoves no Instituto Feiral de Vigo e que foi inaugurada esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen estivo acompañado, entre outras moitas autoridades, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente e director da feira, José García Costas.

Acompañados pola Oficina de I+D, os tres centros de investigación da Universidade de Vigo amosan neste posto informativo o coñecemento e innovación que a institución académica viguesa achega en diferentes ámbitos vinculados á industria naval, actuando como posible aliada para as empresas deste sector. 

I+D de vangarda en IA, biotecnoloxía azul, renovables mariñas...

No posto da UVigo amósase o potencial de atlanTTic como socio de referencia na I+D en telecomunicacións e servizos dixitais dando resposta aos retos do sector en materia de dixitalización, conectividade e ciberseguridade facendo uso de tecnoloxías como IA, Big Data, Edge, 5G & 6G, IoT ou cuántica. Pola súa banda, CIM ofrece investigación de vangarda respecto da xestión sostible de recursos mariños, biotecnoloxía azul, enxeñería de costas, restauración ambiental, simulación de fluídos ou modelización de enerxías de orixe mariña. No caso de Cintecx é un socio tecnolóxico especialista en trasladar o coñecemento ao sector produtivo en liñas como as enerxías renovables mariñas, eficiencia enerxética, aproveitamento de recursos naturais, desenvolvemento de novos materiais e combustibles, tecnoloxías de propulsión limpas e intelixencia artificial.

Máis de medio milleiro de expositores e 75 países representados

Consolidada como a primeira feira de España e entre as tres primeiras do sur de Europa neste sector, esta é xa a novena edición de Navalia, un encontro no que se reúnen máis de medio milleiro de expositores, o que supón máis de 75 países representados entre expositores, pavillóns e visitantes.

Trátase dun evento global que, cada dous anos, dá acubillo a todos os sectores que forman parte desta industria (construción naval, industria auxiliar, armadoras, industria offshore, autoridades portuarias e seguridades marítima, servizos martítimos…). A maiores desta faceta empresarial Navalia reúne tamén a un importante número de expositores institucionais e gobernamentais relevantes para o sector e para as relacións internacionais.