DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de favorecer a un colectivo do que só entre un 1 e un 4% chega á universidade

A UVigo é a primeira universidade do SUG na que o estudantado procedente dos sistemas de protección pode acceder ás axudas ao estudo propias 

Poucas institucións académicas españolas inclúen este alumnado nas súas convocatorias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 03/02/2025

A mediados do ano 2024 o docente e investigador e vicedecano de Sostibilidade e Inclusión Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, Jesús Deibe Fernández Simo publicou, xunto ás tamén docentes e investigadoras da UVigo María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo e á docente e investigadora da Universidad do País Vasco Joana Miguelena Torrado, Dimensiones socioeducativas específicas del alumnado universitario con medida administrativa de protección. A investigación, na que durante tres anos os autores realizaron un seguimento á incorporación á universidade de mozos e mozas tutelados, que, cómpre lembrar, unha vez cumpridos os 18 anos perden a protección do sistema público, pon de manifesto que só entre o 1 e o 4% chegan ás aulas universitarias, fronte ao 30-35% da poboación xeral. O traballo conclúe que os sistemas de protección e universitario presentan déficits de apoios específicos para o alumnado procedente de centros residenciais de protección, polo que “sería imprescindible” que os programas orientados a este estudantado dispoñan de recursos e de medios económicos cos que suplir as carencias que sofren. 

Precisamente esta investigación está na orixe da decisión da UVigo de incluír a partir de agora o estudantado procedente do sistema de protección á infancia e á a adolescencia nas súas convocatorias de bolsas, comezando polas Axudas ao estudo propias para este curso, ás que xa se poden presentar as solicitudes, e que se estenderá a outros procesos. Unha iniciativa coa que a de Vigo se converte na primeira universidade do Sistema Galego (SUG) en establecer mecanismos de apoio a un colectivo, que unha vez que lle é retirada a protección do sistema público ao acadar a maioría de idade, adoita ter que procurarse un medio de vida e unha vivenda, o que complica, cando non imposibilítalles o acceso aos estudos universitarios. “No resto de España, hai algunhas universidades que teñen iniciativas para este colectivo, pero poucas que eu saiba, en Valencia, Cataluña e Euskadi, pero non en Galicia”, explica a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que sinala que “realmente esta bolsa, permite cubrir a ese alumnado que non acadaron a de carácter xeral convocada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes por motivos académicos, aínda que por motivos económicos si lles correspondería”.  

A invisibilidade estatística deste colectivo impide saber, como recoñece a vicerreitora de Estudantado, o número de persoas que se poderían beneficiar destas axudas, en cuxa posta en marcha destaca Caparrini o importante papel xogado pola responsable do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos, Rosa Graña.

Novidades da convocatoria para o estudantado do sistema de protección

 Na convocatoria de axudas ao estudo propias da UVigo, cuxo prazo de presentación está aberto ata o 7 de febreiro, ao alumnado procedente do sistema de protección á infancia de calquera comunidade autónoma se lle concede a contía de residencia, ao tempo que nos criterios de selección se lle sumarán dous puntos á nota media. “No primeiro caso, trátase dunha dotación económica de máximo 1000 euros en función dos créditos matriculados e da distancia, máis de 40 quilómetros, entre o seu domicilio familiar e o centro de estudos e no caso deste colectivo se lle dará a contía máxima en función dos créditos independentemente desa distancia”, detalla Natalia Caparrini.

A segunda das novidades introducidas nesta convocatoria a prol do estudantado procedente do sistema de protección refírese aos criterios de selección nos que a este colectivo se lle sumará dous puntos á nota media do expediente académico do último curso, tanto para o alumando de grao, como o de mestrado de calquera curso.

Unha vez pechada esta convocatoria, a intención da UVigo é manter as accións concretas deseñadas para este colectivo de estudantes noutras bolsas.