DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun relatorio do catedrático Marcos Curty, este xoves 1 de xuño

A UVigo protagoniza unha nova sesión do Ciclo Aida Fernández Ríos, centrada na “revolución cuántica”

Promovido pola Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/05/2023

Dirixida a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra, volverá ter esta semana como protagonista a un investigador da Universidade de Vigo. Nun relatorio programado para este xoves 1 ás 19.00 horas, o catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións Marcos Curty porá o foco na “segunda revolución cuántica” e en como esta “cambiará de xeito radical a maneira de compartir e protexer a nosa información nun futuro próximo”, segundo informou a RAGC.

Con inscrición gratuíta, a conferencia poderá seguirse en liña e permitirá afondar en como serán os ordenadores e comunicacións do futuro, da man de Curty, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do Quantum Communication Center da UVigo. “Estamos inmersos na segunda revolución cuántica, que ditará a forma na que procesaremos e transmitiremos información neste século, tal e como a primeira revolución cuántica xa fixo coas tecnoloxías da información do século XX”, sostén Curty, que protagonizará a nova sesión dun ciclo no que participaba o pasado xoves o tamén catedrático da UVigo Jacobo Porteiro. 

Unha “carreira frenética” para o seu desenvolvemento

Como explica este investigador, existen dúas motivacións principais que impulsan as tecnoloxías cuánticas, unha relacionada “coa permanente miniaturización dos compoñentes electrónicos nos nosos circuítos integrados, que están xa próximos a alcanzar escalas onde é necesario empregar a mecánica cuántica para describir o seu funcionamento”, e outra baseada en que “os principios da mecánica cuántica bríndannos a posibilidade de codificar, transmitir e procesar información de maneira moito máis eficiente que os seus análogos clásicos, ofrecendo aplicacións imposibles para a nosa tecnoloxía actual”. Entre esas aplicacións, engade, atoparíase a capacidade para romper a seguridade das comunicacións en redes abertas como Internet. “Por exemplo, cando efectuamos transaccións financeiras con banca electrónica ou compras online, é imprescindible garantir a confidencialidade da información transmitida. Isto realízase con sistemas criptográficos de clave pública, cuxa seguridade se basea na dificultade de resolver certos problemas matemáticos. Pois ben, un computador cuántico podería resolver gran parte deses problemas de maneira moi eficiente”, sinala. 

“Motivados por esta aplicación”, así como polas posibilidades que achegaría en campos como a biomedicina, a química, a intelixencia artificial ou a seguridade, “xigantes tecnolóxicos como Google, IBM ou Microsoft” atópanse “inmersos nunha carreira frenética por ser os primeiros en desenvolver un computador cuántico a grande escala”, sostén Curty. Nese senso, o catedrático lembra en 2019 Google afirmou ter logrado a “primeira demostración experimental da denominada supremacía cuántica”, mentres que IBM presentaba recentemente “o procesador cuántico máis potente do mundo”. Este progreso, sinala, motivou que a Axencia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos recomendase comezar a planificar unha transición a criptosistemas que sexan seguros fronte a ordenadores cuánticos, mentres que Europa “planea despregar unha rede de comunicacións cuánticas a nivel continental na vindeira década para protexer os nosos segredos máis valiosos”.