DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro de dous convenios asinados este xoves

A UVigo recibe da Xunta 6,36 millóns de euros para desenvolver o Campus Auga e construír o novo edificio de Aeronáutica

Estes acordos elevan a 21M€ o investimento no campus de Ourense para avanzar nestas accións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 23/01/2025

A Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asinaron este xoves en Ourense dous convenios de colaboración. A través deles, a Xunta de Galicia destinará 6,36 millóns de euros para desenvolver o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, e construír un novo edificio para a súa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Estes acordos elevan a 21 millóns de euros o investimento feito ata agora no campus de Ourense para avanzar na súa estratexia de crecemento arredor destes eidos.

A sinatura, que tivo lugar no edificio Campus Auga do campus de Ourense, correu a cargo de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, contando ademais coa asistencia, entre outros, do secretario xeral de Universidades, Alberto Díaz; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, Irene Bonome; dos vicerreitores da UVigo e da súa secretaria xeral Francisco Javier Rodríguez, Belén Rubio e María José Bravo, respectivamente, e do director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández.

Na súa intervención, Manuel Reigosa, agradeceu o apoio da consellería e salientou a relevancia dos convenios asinados e das accións que contemplan, que, dixo, “van a supor un antes e un despois para o noso campus”. O reitor lembrou que a Universidade “está entre as mellores do mundo en varias liñas de especialización do Campus Auga” e dixo que a execución do seu plan estratéxico co orzamento agora acadado suporá para todo o campus de Ourense “un salto de calidade”. Co camiño que se está percorrendo con esta especialización e as axudas acadadas, afirmou, “estamos debullando un futuro mellor”. Respecto ao novo edificio, o responsable académico lembrou que a titulación de Enxeñaría Aeroespacial “ten unha acollida extraordinaria entre o alumnado e está a facer moi ben as cousas a nivel de investigación e transferencia” polo que, subliñou, precisaba un edificio propio. A nova infraestrutura, recalcou o reitor, “permitirá fortalecer aínda máis este campus” e “facer unha reordenación” dos seus espazos.

Pola súa banda, Román Rodríguez destacou que este novo acordo posibilita o desenvolvemento dun plan estratéxico do Campus Auga para favorecer a súa visibilidade nacional e internacional ao tempo que se consolida a súa especialización e calidade da docencia e da investigación. “O campus de Ourense leva desde 2013 impulsando este proxecto e funcionando como un polo tractor da economía e do coñecemento na provincia”, dixo o conselleiro. “A acreditación de especialización e esta nova folla de ruta van seguir impulsándoo como xerador de investigación, riqueza e emprego para o sector da auga”, sinalou. Igualmente puxo en valor “o gran traballo que está a realizar a Universidade de Vigo coas titulacións de Aeronáutica, que malia contar con apenas unha década de historia xa teñen un gran prestixio e están entre as máis demandadas polo estudantado”. “Este novo edificio permitirá, sen dúbida, que esta área de coñecemento medre aínda máis”, indicou o responsable institucional.

Dotar de orzamento ao Campus Auga

O primeiro dos convenios asinados é o de colaboración entre a Consellería e a Universidade para o desenvolvemento de accións estratéxicas do Campus Auga de Ourense durante o período 2024-2027. O orzamento achegado pola Xunta de Galicia é de 3.256.850 euros, distribuídos en diferentes anualidades 2024 (428.450 euros); 2025 (1.008.000 euros); 2026 (1.205.900 euros) e 2027 (614.500 euros). Por conceptos, 2.240.833 euros destinaranse a accións de investigación; 615.750 a docencia; 208.700 a transferencia e innovación; 122.667 a equipo de xestión e 68.900 a gobernanza. Este investimento súmase aos case 8,5 millóns de euros que leva investido o Goberno autonómico desde 2013 neste campus, ano no que arrancou o proxecto.

A finalidade deste convenio é “dotar ao Campus Auga dunha identidade propia, estreitamente ligada ás potencialidades económicas da súa contorna, así como dunha maior visibilidade que garanta o seu futuro”, atendendo ao establecido na resolución de acreditación desde campus de especialización, acadada o 31 de xaneiro do pasado ano. Coas medidas contempladas quérese “consolidar unha maior especialización, compactidade e calidade da docencia e da investigación no Campus Auga”. A través da folla de ruta contemplada no seu plan estratéxico impulsarase a formación avanzada e de calidade arredor das tres áreas temáticas do Campus Auga: a alimentación funcional, a agricultura e o medio ambiente e a xestión de auga termal. Tamén se continuará favorecendo a internacionalización da investigación e a promoción da transferencia do coñecemento cara a sociedade, a industria e as institucións. Así mesmo, o Campus Auga deberá poñer en marcha accións encamiñadas á captación de talento, á potenciación da empregabilidade dos seus egresados e egresadas, á promoción da internacionalización das titulacións e ao fortalecemento das infraestruturas de investigación.

Un novo edificio para o campus de Ourense

O segundo dos convenios establece as condicións da colaboración entre a Consellería e a Universidade para o financiamento de actuacións destinadas ao desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Universitarias. Ao abeiro deste plan, o Goberno galego colabora coa Universidades de Vigo en distintos proxectos ata 2026. Entre estes proxectos conxuntos están destinar arredor de 9,3 millóns de euros para a construción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense. O convenio asinado hoxe supón unha partida de 4.347.000 euros para esta construción, o 60% (3.105.000 euros) achegados pola consellería e o 40% (1.242.000 euros) pola Universidade, contías que se suman ás anteriores destinadas a este fin. A previsión da institución académica é que a licitación para a construción sexa inminente.

Visita ás instalacións

Ao remate da sinatura as autoridades realizaron unha visita ás instalacións do edificio Campus Auga. No seu percorrido puideron coñecer as súas infraestruturas e servizos, como a planta piloto en agroalimentación; o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, que ten a súa sede neste centro, e diferentes laboratorios de investigación vinculados ao Campus Auga.