DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e conselleiro de Educación asinaron este venres dous convenios de colaboración

A UVigo recibe da Xunta 8 millóns de euros para reforzar as súas estruturas de I+D+i e consolidar o proceso de dixitalización

As diferentes actuacións levaranse a cabo entre os anos 2021 e 2022

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 24/09/2021

Universidade e Xunta de Galicia asinaron este venres dous convenios de colaboración polos que a institución académica viguesa vai recibir, entre o que queda de ano e o 2022, algo máis de 8 millóns de euros dirixidos a levar a cabo múltiples accións estratéxicas de I+D+i e a consolidar o proceso de dixitalización impulsado a raíz da pandemia. Trátase duns acordos de “máxima importancia” dirixidos a realizar “accións de futuro”, tal e como subliñou o reitor, Manuel Reigosa, encargado de rubricar o acordo xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade Román Rodríguez, nun acto que contou tamén coa participación da delegada da Xunta en Vigo Marta Fernández-Tapias, e do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado Manuel Ramos.

“Con estes convenios o que queremos é seguir apostando para que a Universidade de Vigo se manteña na vangarda e continúe desenvolvendo a súa misión dentro dun marco de solvencia e de aposta pola innovación e por dar un servizo de calidade aos seus estudantes”, explicou o conselleiro, quen se referiu á Universidade de Vigo como “un socio fiable” co que a administración autonómica rema na mesma dirección. “Con estes convenios queremos facilitar a contratación de investigadores, mellorar as infraestruturas e os equipamentos e, en definitiva, seguir traballando nunha liña continua de colaboración”, recalcou Román Rodríguez.

4,8 millóns de euros para accións estratéxicas de I+D+i

No que atinxe ás accións estratéxicas de I+D+i, o departamento de Educación do Goberno Galego destina un total de 4,8M€ á captación de talento e apoio aos centros da UVigo acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). “Son cuestións que para nós son absolutamente prioritarias”, subliñou o reitor. Neste senso, o acordo abrangue cuestións como a contratación de investigadores para o CIM (Centro de Investigación Mariña), para o Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas) e para a agrupación estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society). 

Con cargo a este acordo tamén se verán reforzadas as estruturas de xestión dos tres campus de especialización (Campus Auga en Ourense, Campus CREA en Pontevedra e Vigo Tecnolóxico), as agrupacións estratéxicas Ecobas e Citaca (Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga) e o apoio ao xurdimento do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais). 

O documento asinado inclúe asía mesmo varias accións con foco específico na calidade da docencia, como as dirixidas a potenciar os másteres para acadar o selo de excelencia; así como outras de alto impacto e interese na I+D+i, como o apoio na avaliación quinquenal do selo HR Excellence in Research. 

3,1 millóns para fortalecer o sistema de dixitalización

Nun escenario de transición cara a fin da pandemia, o outro convenio asinado este venres, dotado con 3.160.000€, está centrado na adopción de medidas dirixidas a fortalecer o proceso de dixitalización e innovación. Ao abeiro deste acordo, a UVigo porá en marcha diferentes liñas prioritarias de actuación no que atinxe á administración electrónica, á renovación tecnolóxica dos servizos de información e a investimentos en infraestruturas innovadoras. “É un investimento para o futuro, xa que moitas destas accións seguirán sendo activas e proveitosas para a Universidade durante os vindeiros anos”, recalcou o reitor, ao que o conselleiro engadiu que esta é unha liña centrada en todo o que ten que ver coa modernización da Universidade, sobre todo en todo o relacionado coas estruturas de carácter telemático”, indicou o conselleiro, ao tempo que fixo fincapé en que unha das máximas aprendizaxes que deixa a pandemia é “precisamente” a constatación da máxima relevancia que cobrou o mundo dixital.

Nesta liña o máximo responsable da consellería lembrou que o proceso de paso da docencia en modalidade presencial á docencia semipresencial e virtual supuxo unha reformulación fonda da docencia que precisa novas metodoloxías, deseño de sistemas de avaliación, titorización e a modificación dos sistemas para a ordenación docente adaptadas á modalidade virtual e semipresencialidade. Para seguir dando resposta a este reto, ao abeiro deste convenio, a UVigo poderá financiar ferramentas de administración electrónica relativas á trámites de xestión universitaria (matrícula, recoñecemento de créditos, emisión de certificados e títulos universitarios), así como investir en infraestruturas innovadoras de xeito que os espazos docentes se adecúen aos parámetros de innovación e dixitalización necesarios.

En canto á administración electrónica, optimizarase a xestión dos recursos humanos e as aplicacións económicas (xestión de nóminas, de pedido...), así como o soporte e mantemento de programas informáticos, equipos, redes e centros de procesamento de datos (CPDs). Ademais, o acordo contempla tamén a mellora da plataforma de servizos multimedia Campus Remoto, desenvolvida na propia Universidade, así como outros servizos multimedia de UVigoTv, plataformas de e-learning e diferents servizos tecnolóxicos de apoio, incluíndo os sistemas de vixianza en remoto.

Visita ao Cintecx

Aproveitando a súa visita ao campus de Vigo o conselleiro tivo tamén a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións de Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, unha visita na que o reitor, o conselleiro e a delegada da Xunta en Vigo estiveron acompañados polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e os vicerreitores de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez; Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; Investigación, Belén Rubio, e Organización Académica e Profesorado, Manuel Ramos.

“Este é un centro que leva en funcionamento xa máis dun ano, pero que o conselleiro aínda non tivera a oportunidade coñecer persoalmente”, explicou o reitor, intres antes de iniciar unha visita que arrancou na sala de xuntas do centro cunha presentación realizada pola súa directora, a profesora Mª Concepción Paz. Durante o percorrido polas súas instalacións visitaron, entre outros, os laboratorios de Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais ou o de Corrosión e caracterización de materiais.