DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 4 en Ourense, 5 en Pontevedra e 6 en Vigo

A UVigo recibirá o seu novo alumnado en setembro con xornadas de benvida nos tres campus

Nas mesmas datas serán as recepcións ao estudantado estranxeiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 29/07/2024

Aínda que o curso 2024/2025 arrancará oficialmente o día 9 de setembro, durante os días previos as e os novos estudantes poderán achegarse, dun xeito lúdico e distendido, á que será a súa Universidade durante, como mínimo, os catro vindeiros anos. Os días 4, 5 e 6 de setembro son as datas elixidas para darlles a todas e todos eles a benvida ao novo curso dunha maneira moi especial. En cada un dos campus haberá unha xornada pensada para o novo alumando, na que poderán coñecer a institución, os seus servizos e toda a información necesaria para que se desenvolvan na vida universitaria. 

As citas serán o día 4 en Ourense, no pavillón universitario, o día 5 en Pontevedra na Escola de Enxeñaría Forestal e, finalmente, o día 6 en Vigo no pavillón do campus. En cada unha das xornadas, os mozos e mozas poderán obter información sobre a institución, os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e aloxamento, o voluntariado e asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente ou o Centro de Linguas. Tamén coñecerán a Biblioteca Universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte. Ademais, tamén atoparán postos de atención á diversidade, da Unidade de Igualdade e das delegacións e asociacións de estudantes. Ao longo de toda a xornada tamén haberá música e agasallos, como a axenda 2024/2025. 

Para o alumnado internacional

Coincidindo con estas datas, os tres campus tamén acollerán os actos de benvida ao alumnado estranxeiro que cursará nas aulas da UVigo ben o primeiro cuadrimestre, ben o curso completo. Para eles hai deseñados actos paralelos que comezarán ás 10.00 horas, no caso de Ourense na Aula Magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; en Pontevedra, na aula 6 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e en Vigo no paraninfo do edificio Ernestina Otero.

Ademais de coñecer o resto de alumnado internacional tamén coñecerán o persoal da Oficina de Relacións Internacionais, que serán as e os encargados de darlles a charla informativa, así como aos membros da asociación ESN Vigo, que lles presentarán a súa iniciativa Buddy Program. Tamén coñecerán a oferta de cursos de español que ofrece o Centro de Linguas e enfrontaranse tras estas charlas ás probas de nivel de español.