DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este mediodía no edificio Redeiras 

A UVigo recoñece a colaboración de Stellantis na formación de máis de 350 estudantes de enxeñaría do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 25/10/2022

350 estudantes e 126 traballos. Esta son as grandes cifras da colaboración que durante os últimos 24 anos manteñen a UVigo e Stellantis, nos que a multinacional participou na formación do alumnado das enxeñarías do campus de Vigo, a través da elaboración de traballos relacionados co contido de materias concretas e que responden a problemas reais formulados pola empresa. Cun acto celebrado este mediodía no edificio Redeiras, a Universidade de Vigo recoñeceu a Stellantis, na persoa do seu responsable de Mantemento, Manuel Suárez Álvarez, esta cooperación, que o reitor, Manuel Reigosa considera “un traballo que adianta o que nós consideramos que debe ser a universidade do futuro, que está metida no mundo e na colaboración público-privada e con outras institucións. Esa é a universidade que nós queremos”. Neste sentido lembrou a posta en marcha o vindeiro curso do Grao dual en enxeñaría de automoción, que inclúe un curso que o alumnado realizaría en empresas. O reitor trasladou os seus parabéns aos promotores e artífices da colaboración que durante 24 anos mantiveron a UVigo e Stellantis e destacou a súa importancia para a formación do alumnado, “ porque aspiramos a que o noso estudantado saia, cando remate a súa formación de grao, con algún tipo de iniciativa de colaboración coa empresa” dixo o reitor. 

Formación, formación e formación durante case un cuarto de século

Jorge Marcos Acevedo,docente e investigador do Departamento de Tecnoloxía electrónica, foi o encargado de debullar os datos que se desprenden logo de 24 anos de colaboración entre as escolas de enxeñaría do campus de Vigo e Stellantis e que corresponden basicamente a materias das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industrial e tamén algunha da de Minas e Enerxía, “e que non se inventaba o profesorado, senón que viñan do mundo real”. Os traballos, cunha dedicación media dunhas 50 horas e participación de dous ou tres estudantes, céntránse en resolver problemas reais relacionados con materias concretas avaliables e polos que o alumnado recibe un certificado acreditativo por parte de Stellantis. Con 197 alumnos e alumnas a materia de Fiabilidade de sistemas electrónicos que se impartiu na EE de Telecomunicación  entre os cursos 1998/1999 ao 2013/2014 foi a que máis estudantes da UVigo levou á multinacional, seguida da de Enxeñaría de equipos electrónicos, impartida tamén a EE de Telecomunicación desde o curso 2012/2014 ,con 127 estudantes, e Deseño avanzado de sistemas electrónicos industriais, impartida no Mestrado en enxeñaría industrial que suma desde o curso 2021/2015, 31 estudantes. 

Pola súa banda, Manuel Suárez Álvarez, responsable de Mantemento de Stellantis, incidiu na súa intervención na importancia da formación en todos os ámbitos da vida, así como na colaboración universidade-empresa. Sánchez enumerou varios exemplos da colaboración de Stellantis coa UVigo a través de mestrados, TFMs,TFGs e proxectos de investigación e cualificou de “abrumadoras e maiúsculas” as cifras referidas á formación do alumnado das enxeñarías do campus de Vigo, a través da elaboración de traballos relacionados co contido de materias concretas e que responden a problemas reais formulados pola empresa. “Stellantis achégalle ao alumno un proceso industrial funcionando e unha oportunidade sobre cousas reais e un valor engadido que é o contacto coa xente, que normalmente é a primeira vez que o fan e é unha tremenda oportunidade para eles”, dixo o responsable de Mantemento, que cualificou o intercambio ao longo destes anos como “moi positivo”. 

Cristina Vila Carreira, antiga alumna, senior advisor, formadora e mentora, tamén destacou a importancia da formación, que definiu como “unha porta para ir a adaptándonos a esas necesidades laborais que imos vivindo”. Neste sentido incidiu no extra que lle achega ao alumnado o contacto coa empresa durante o seu período formativo, así como na necesidade de crear ecosistemas que permitan ás e aos novos titulados incorporarse ao mercado laboral.