22 alumnos e alumnas do Programa Universitario de Maiores e 16 persoas mentoras
A UVigo recoñece o labor dos seus Embaixadores e Embaixadoras da Ciencia e do Coñecemento
Nunha gala conducida por Quico Cadaval e coa participación do novo vicerreitor de Transferencia
A Universidade de Vigo celebrou este venres no edificio Redeiras unha emotiva gala de recoñecemento aos Embaixadores e Embaixadoras da Ciencia e do Coñecemento, unha iniciativa que, desde a súa posta en marcha en 2022, converteu a 22 alumnas e alumnos do Programa Universitario de Maiores, acompañados por 16 investigadores e investigadoras da UVigo como mentores e mentoras, en divulgadores da ciencia e do coñecemento en cafeterías e outros espazos sociais das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.
O acto serviu para agradecer o compromiso de todas estas persoas nun programa que xa se consolidou como unha ponte entre a universidade e a sociedade, achegando a importancia da divulgación científica, a transferencia de coñecemento e a aprendizaxe ao longo da vida ao conxunto da cidadanía.
Durante a cerimonia, o novo vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña, destacou o compromiso da Universidade e, especialmente, das persoas participantes no programa. “A súa implicación resulta fundamental para achegar o coñecemento xerado nas aulas e nos grupos de investigación a públicos diversos”. Subliñou, así mesmo, que a súa colaboración e capacidade para comunicar de forma accesible cuestións complexas que contribúen de xeito claro a fortalecer a vocación de servizo público da institución e a fomentar unha cidadanía máis informada e crítica.
Recoñecemento á divulgación con impacto social
Pola súa banda, o actor Quico Cadaval, encargado de conducir a gala, puxo en valor o entusiasmo e a participación activa do alumnado do Programa Universitario de Maiores nesta iniciativa. A través destas accións, lembrou Cadaval, este alumnado non só reforza as súas competencias comunicativas e persoais, senón que tamén contribúe a espertar vocacións e a achegar a realidade universitaria ás novas xeracións.
Houbo tamén palabras de agradecemento para o profesorado acompañante e para as persoas mentoras que orientan e apoian o alumnado durante o desenvolvemento das actividades. O seu labor de coordinación, asesoramento e seguimento resulta esencial para garantir a calidade das iniciativas e para que a experiencia sexa enriquecedora tanto para quen divulga como para quen recibe o coñecemento.
Aprendizaxe ao longo da vida e diálogo interxeracional
Cadaval aproveitou tamén o acto para reivindicar o Programa Universitario de Maiores como unha das iniciativas máis representativas da Universidade de Vigo no ámbito da formación permanente. “Este programa constitúe un exemplo do compromiso da institución coa educación ao longo de toda a vida, ofrecendo ás persoas maiores a oportunidade de continuar aprendendo, participando activamente na vida universitaria e mantendo unha conexión constante coa cultura, a ciencia e a innovación».
Financiado pola FECYT
O programa está impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación como parte do plan anual Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades
