DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rueda e Reigosa gabaron as súas achegas á institución e o labor do seu presidente

A UVigo recoñécelle ao Consello Social o seu papel de ponte coa sociedade ao longo de 30 anos

“Seguirá sendo o mellor aliado da Universidade”, asegurou Pedrosa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/06/2026

Coa presenza no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais dunha destacada representación de persoas que ao longo dos anos estiveron ou están vencelladas a el; e coa lembranza doutras que xa non están, pero foron fundamentais na súa posta en marcha en desenvolvemento, o Consello Social recibía nas últimas horas a homenaxe da Universidade de Vigo. O reitor en funcións, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coincidiron en destacar o papel de “ponte” que durante tres décadas desempeñou o Consello Social entre a institución académica e a sociedade, así como “talento, talante e compromiso” do seu presidente, Ernesto Pedrosa.

Arroupado por familiares e amigos, Pedrosa recibiu unha placa e un diploma en recoñecemento o seu labor á fronte, durante os últimos 15 anos, do Consello Social da Universidade de Vigo, un xesto que agradeceu, ao tempo que comprometeu o apoio do órgano colexiado á institución académica “para que a UVigo continúe sendo de gran transcendencia para o futuro da nosa terra”, dixo.

Constituído o 20 de xullo de 1995, o Consello Social da Universidade de Vigo comezou a desempeñar a partir dese  momento as funcións, que desde a creación da institución académica viguesa en 1989, realizaba o Consello Económico e Social. Sería a partir da aprobación dos seus Estatutos, de acordo coa LOSUG, que a Universidade de Vigo pasa a contar cun Consello Social, que entre os anos 1996 a 2003 presidiu o notario vigués e presidente do Consello da Cultura Galega e da editorial Galaxia, Alfonso Zulueta de Haz, a quen sucedería o avogado ourensán Emilio Atrio Abad, entre os anos 2003 e 2011, momento no que Ernesto Pedrosa accedería á presidencia do órgano colexiado. Unha trintena de membros en representación da propia Universidade; nomeados polo Parlamento de Galicia e a Xunta; representantes de concellos nos que se localizan o campus, das organizacións empresariais, asociacións de antigos alumnos e colexios profesionais, integran neste momento o Consello Social da UVigo.

Un traballo calado, pero enormemente eficaz para a institución

Na súa intervención ante o salón de actos no que se deron cita ex reitores, membros dos equipos de goberno saíntes e entrantes, representantes de institucións e do propio Consello Social, o seu presidente, Ernesto Pedrosa, agradeceu un recoñecemento “ao traballo colectivo de moitas persoas, que ao longo destas tres décadas, contribuíron a fortalecer os vínculos entre o Consello, a UVigo e a sociedade. Un traballo a maioría das veces calado, oculto, pero enormemente eficaz para a institución”, dixo. O presidente do Consello Social lembrou que máis aló da súa función de supervisión económica e planificación estratéxica, os órganos colexiados “cumpren a dobre función de achegar a sociedade aos centros de educación superior sendo instrumentos de diálogo, cooperación e visión estratéxica compartida co goberno da institución”.

Nuns tempos cambiantes como os actuais, Pedrosa sinalou “a cooperación entre o Consello e a sociedade, entre as institucións e a empresa e entre o coñecemento e a experiencia”, como a razón de ser do órgano que preside. Logo de trasladar os seus desexos de éxito ao novo equipo reitoral, Pedrosa rematou asegurando que “o Consello Social seguirá sendo o mellor aliado para que a UVigo continúe sendo de gran transcendencia para o futuro da nosa terra”. 

Talento, talante e dedicación

Pola súa banda, o presidente da Xunta eloxiou o traballo realizado durante estas tres décadas polo Consello Social e salientou, especialmente, a súa vontade “de contribuír ao progreso da Universidade de Vigo sempre desde o diálogo e o consenso”. Ademais, agradeceu ao seu presidente, Ernesto Pedrosa, de quen destacou “o seu talento, talante e dedicación” o seu compromiso e implicación, así como a todos os membros que formaron e forman parte deste organismo. Rueda destacou que Xunta e Consello Social están vencellados pola mesma convicción, “a de defender unha universidade pública forte, competitiva, moderna e adaptada aos retos actuais”. 

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén reafirmou o compromiso do Goberno galego coas universidades, facendo especial fincapé na gratuidade da matrícula nestes estudos superiores, unha medida pioneira en Galicia que en setembro comezará o seu terceiro curso en vigor e que supón para as familias galegas un aforro anual de 7,7 millóns de euros.

Agradecemento a un amigo polo traballo feito

O reitor en funcións gabou o papel desenvolvido polo Consello Social “no que atopamos compañía, axuda e agarimo”, dixo Reigosa, que lembrou que órgano colexiado naceu para cumprir os requisitos da rendición de contas. Non obstante o reitor en funcións destacou o papel de “ponte entre a universidade e a sociedade” desenvolvido polo Consello Social, “e isto é moi importante”, dixo.

Reigosa lembrou e agradeceu o labor dos antecesores de Pedrosa no cargo, Alfonso Zulueta de Haz e Emilio Atrio, e repasou algunhas das iniciativas máis salientables desenvolvidas e apoiadas polo Consello Social nos últimos anos da man do actual presidente, como os premios UVigo Humana, o Observatorio de Persoas Egresadas; a realización de estudos; os premios Alumni. “Cando fai falla tamén apoian iniciativas que teñen que ver coa investigación, a transferencia, a divulgación, e empregabilidade e o emprendemento”, detallou Reigosa, que tamén destacou o traballo que o Consello Social realiza cos campus de especialización, tanto Campus Auga como Campus CREA. 

“Ernesto, considérote un amigo e douche as grazas polo traballo que fixeches durante este tempo”, dixo o reitor en funcións para rematar a súa intervención.