Coa entrega do distintivo Gal Ego no acto institucional que o centro acollerá o vindeiro xoves 15
A UVigo recoñecerá a Facultade de Comunicación na conmemoración do Días das Letras Galegas
Centrada nas cantareiras, contará coa participación do músico Xabier Díaz
A Facultade de Comunicación será neste 2025 a sede do acto institucional no que a Universidade de Vigo conmemora o Día das Letras Galegas e no que o traballo a prol do idioma deste centro será recoñecido co distintivo de galeguización Gal Ego. Aberto a toda a cidadanía, no evento que terá lugar o vindeiro xoves 15, ás 12.00 horas, farase tamén entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución cos que a institución académica distingue cada ano a creatividade literaria en galego dos membros da comunidade universitaria. Organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística (ANL) e a propia facultade, este acto terá nas cantareiras o seu eixe temático, deténdose no seu legado cultural a través da conversa que o músico Xabier Díaz manterá coa creadora de contido e egresada deste centro Nuria Grandío.
“O que buscamos neste acto é apoiar e dignificar o uso do galego e trasladar isto tanto á comunidade universitaria como á sociedade”, salienta a vicerreitora de Extensión Cultural, Susana Reboreda, respecto dun acto que pon o foco “na necesidade de utilizar o galego na nosa institución” e que contará coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. Con esa idea, á entrega de recoñecementos sumarase a presentación dunha serie de campañas a prol da lingua en redes sociais, realizadas polo alumnado da facultade.
Este evento terá nas cantareiras o seu “motivo central”, a raíz da homenaxe que a Real Academia Galega rende neste 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, recoñecendo co Día das Letras Galegas as figuras de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeiras e as pandeireteiras de Bens, Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido. Nese senso, o evento contará coa actuación do grupo de pandeireteiras As Sarandilleiras e coa entrevista que Nuria Grandío, responsable da canle Konachadas e directora de arte na axencia Trend, manterá con Xabier Díaz, quen suma unha destacada traxectoria na recollida de cantigas a súa faceta como músico e compositor na formación que impulsou en 2014 xunto con Adufeiras de Salitre, tras formar parte previamente de Berrogüetto.
Promovendo o galego na rede
Á hora de promover o uso do galego na Universidade “é fundamental a implicación do alumnado", recoñece Reboreda. De aí que o acto se complete coa presentación das campañas en redes sociais desenvolvidas polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, como traballos para unha materia impartida por Xosé Baamonde. Inserida na iniciativa 'Comunica en galego', o obxectivo desta actividade era que o alumnado adquirise capacidades para desenvolver accións nas redes máis empregadas pola mocidade, ao tempo que contribúe a “dar visibilidade a diversos sectores culturais e económicos do noso país”, como sinalan os seus responsables. Os resultados desta iniciativa agrúpanse nos 24 perfís creados polo alumnado e centrados en sete liñas. Por unha banda, o estudantado desenvolveu propostas dirixidas a dar a coñecer entre a mocidade grupos musicais en galego, medios de comunicación, creadoras e creadores de contidos e diferentes tipos de producións audiovisuais. Ao mesmo, outros traballos centráronse na divulgación dos novos valores da literatura e da banda deseñada en galego, en marcas que empregan o idioma na súa etiquetaxe e publicidade e na difusión do patrimonio histórico, natural e cultural.
Entrega de premios
Nese obxectivo de reivindicar o uso do galego insírense tamén os galardóns dos que se fará entrega nesta xornada. Por unha banda, atópanse os Premios de poesía, relato curto e tradución 2025, promovidos pola ANL ao abeiro dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta, nos que se repartirán 3600 euros en premios e aos que se presentaron máis dunha trintena de traballos. Por outra, a Facultade de Comunicación recibirá neste acto o distintivo Gal Ego, co que a UVigo busca incentivar e recoñecer o emprego da lingua galega por parte das diferentes facultades e escolas. Trátase dun distintivo cunha vixencia de catro anos, que na súa primeira edición foi concedido á Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, á vez que se outorgou a Filoloxía e Tradución un galardón honorífico. Para a súa concesión, a comisión avaliadora ten en conta unha serie de criterios, como o número de materias impartidas en galego, o número de traballos de fin de grao e máster desenvolvidos neste idioma, a realización de actividades nesta lingua e o seu uso na comunicación interna e externa.
"Estamos moi orgullosos", recoñecía a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, a raíz da concesión dunha distinción coa que, sinala, "confirmamos o importante que é o traballo na defensa da cultura da lingua galega", desde unha "orientación transversal". Torres agradecía á súa vez que "a Universidade teña este tipo de iniciativas" nun momento "no que fai falta empurrar moito polo galego", xa que "veñen a consolidar os esforzos realizados desde unha facultade como a nosa, de comunicación, que ten moita proxección exterior".
O teatro completa a xornada
A programación conmemorativa do Día das Letras Galegas completarase o propio xoves 15, ás 20.30 horas, coa representación da obra Almas de Gloria: Don Paco, no Teatro Principal. Con entrada libre, trátase dunha montaxe que rende homenaxe á figura homeneaxada en 2023 co Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, que se suma á súa vez á programación escénica que a Universidade promove nestes días na cidade, no marco da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu).