É o mesmo impacto ambiental que o de 2020, o ano da pandemia
A UVigo reduce a súa pegada ecolóxica ata un mínimo histórico de 0,19 hectáreas globais por persoa
As emisións de CO2 á atmosfera tamén son as máis baixas, 14.652 toneladas equivalentes
Dende que en 2008 a Universidade de Vigo comezou a avaliar o impacto das súas actividades sobre o medio ambiente e os recursos naturais, o balance nunca fora tan positivo como en 2024. A pegada ecolóxica reduciuse a 0,19 hectáreas globais por persoa, o mesmo dato obtido en 2020, cando a actividade académica e investigadora se viu paralizada pola pandemia da covid-19.
O estudo, elaborado pola Oficina de Medio Ambiente da UVigo, fai un seguimento e cuantificación do impacto ambiental da institución a partir do estudo da pegada de carbono e da pegada ecolóxica. Estes dous indicadores miden o efecto das emisión de gases invernadoiro e o impacto ambiental que relaciona os recursos existentes coa capacidade ecolóxica da terra de xerar eses recursos. A análise destes indicadores permite distinguir as actividades máis contaminantes da atmosfera e comparalos con indicadores doutras institucións nacionais e internacionais.
O ultimo informe elaborado, correspondente ao 2024, amosa que a pegada de carbono total é de 14.652 toneladas de CO2 equivalentes, é dicir 0,68 t por persoa. A pegada de carbono pode converterse a unidades de pegada ecolóxica (hectáreas globais de terreo equivalentes) estudando cal é o terreo estándar necesario para absorber estas emisións de gases de efecto invernadoiro producidos polas actividades dos tres campus. Deste xeito, en 2024 a pegada ecolóxica compensada da UVigo foi de 4103 ha globais, unha cifra que continúa descendendo ano a ano, ata marcar un mínimo histórico no 2024: 0,19 hectáreas globais por persoa. Para obter esta dato tivéronse en conta as 83,11 hectáreas de superficie arborada dos tres campus e calculouse a biocapacidade de absorción de CO2 dos bosques na UVigo. Neste contexto, a grande extensión arborada e vexetal do campus de Vigo é clave, xa que actúa como sumidoiro das emisións de CO2.
Emisións en mínimos históricos
As emisións totais de CO2 en 2024 na Universidade de Vigo foron de 14.652 toneladas de CO2 equivalentes, que se corresponden en case igual cantidade aos campus de Ourense e Vigo, 6359 e 6363 t de CO2 equivalentes respectivamente, mentres que a Pontevedra emite 2291 toneladas.
Estas son as cifras máis baixas da serie histórica, deixando de lado as do ano 2020, marcado polo confinamento, as clases en liña e a redución da actividade presencial. O primeiro dato que recolle a OMA sobre as emisións da institución é do 2008, no que se produciron 23.385 toneladas.
A principal fonte de emisións segue a ser a mobilidade, que representa o 62 % das emisións, seguida da electricidade, que representa o 21 %, do gas natural co 7,68 % e da edificación, que supón o 4,46 %. Pero os plans de eficiencia enerxética, de substitución de fontes de enerxía fósil por renovables e de concienciación ambiental permitiron ir reducindo a cifra de emisións ano a ano ata o mínimo de 2024.
Ao poñer en relación as cifras de emisións totais de CO2 co número de persoas que conforman a comunidade universitaria obsérvase que a pegada de carbono da institución en 2024 foi de 0,68 toneladas de CO2 equivalentes por persoa. Por campus, a pegada por persoa máis elevada dáse en Ourense, con 1,28 t de CO2 equivalentes por persoa, seguido de Pontevedra con 0,64 t e de Vigo, con 0,61 t.
Consumos
Aínda que os metros cadrados edificados cos que conta a UVigo nos seus tres campus foron incrementándose ano a ano, os consumos enerxéticos tradicionais fóronse reducindo ao tempo que se incrementa o uso de enerxías renovables. Así, o consumo de electricidade pasou dun pico de 15.613 MWh en 2018 a 11.672 MWh en 2024. Tamén se reduce o uso de gasóleo, pasando de 1052m3 en 2013 a 171 m3 en 2024. Tamén o consumo de auga cae na UVigo, que pasa de máis de 143.000 m3 en 2012 a 68.536 m3 o ano pasado, e o mesmo sucede co papel, que pasa dun máximo de 36.000 toneladas en 2014 a 17.175 como se recolle neste último informe da OMA. O mesmo sucede coas emisións relacionadas coa mobilidade, que tiveron un pico en 2018 con máis de 15.000 toneladas de CO2 equivalentes e se reducen actualmente a 9360 toneladas.
Pola contra, a Universidade de Vigo completa o uso das fontes renovables propias co uso de gas natural, que foi subindo constantemente dende 2008, cando supuxo un consumo de 564,5 MWh, ata acadar un pico en 2019 e posteriormente ir baixando ata os 6332 MWh de 2024. A UVigo tamén emprega actualmente pellets, que tiñan un consumo 0 en 2008 para pasar a 89.500 kg en 2024.
Produción de enerxías renovables
A OMA tamén ofrece información sobre a produción de enerxías renovables para cada período anual. En 2024 foron 2663 MWh, procedendo a maior parte de paneis fotovoltaicos (1297 MWh ) e da enerxía xeotérmica (965 MWh), seguidos da biomasa (382 MWh) e finalmente da termosolar (18 MWh). A fonte principal, a enerxía fotovoltaica, é unha das grandes apostas da institución dende hai anos, e boa mostra disto é o incremento de enerxía que se vén producindo de modo constante, pasando dos 10 MWh en 2019 aos 925 MWh en 2021 ata chegar á cifra de 2024. A xeotermia, pola súa banda, mantén unha produción máis estable que se incrementa case cada ano, pero dun xeito máis comedido, pasando dos 800.000 kWh de 2019 aos 965.260 kWh do ano pasado.
