DUVI

Diario da Universidade de Vigo

12 bolsas Incuvi Emprende, catro Avanza e unha Consolida

A UVigo reforza o seu compromiso co emprendemento cunha nova convocatoria das axudas Incuvi

“Non é tan importante ter unha idea empresarial clara como ter gañas de achegar valor a sociedade"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/10/2022

A Universidade volve pór en marcha o seu principal mecanismo de axuda ao emprendemento e faino cunha nova convocatoria das axudas Incuvi: 12 axudas Incuvi Emprende  para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas Incuvi Avanza para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e unha axuda Incuvi Consolida para que unha iniciativa xa constituída, que pasou polos programas Emprende e Avanza,  poida, definitivamente, validar a súa idea de negocio e analizar a existencia dunha demanda real no mercado.

Desde a Área de Emprego e Emprendemento fan fincapé en que “non se trata dun programa destinado a unha minoría cunha idea clara de montar un negocio, senón a todas aquelas persoas que teñan en común a inquietude de explorar novas oportunidades, novas formas de facer as cousas, novos mercados e incluso novas formas de satisfacer necesidades”, explica a directora da área, Maruxa Álvarez. Desde o seu punto de vista á hora de inscribirse no programa Incuvi, “non é tan importante ter unha idea empresarial moi clara como ter gañas de achegar valor a sociedade” desenvolvendo novos produtos ou servizos, xa sexa dentro dunha entidade ou fóra, como emprendedores independentes. “O emprendemento é máis unha forma de ser que un oficio e desde a UVigo queremos fomentar o espírito emprendedor, isto é, que o alumnado aprenda a emprender para que nun futuro poida contribuír ao desenvolvemento de novas actividades empresariais e impulsar unha maior calidade e un maior desenvolvemento potencial das iniciativas emprendedoras”, recalca Álvarez.

Incuvi Emprende: 7 meses de formación e titorización  

O programa de axudas máis lonxevo é  Incuvi Emprende, que este ano acada xa a súa undécima edición. Neste caso a bolsa consiste na formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación de 7 meses, desde xaneiro ata xullo. Serán en total 70 horas, das que 44 se dedicarán a formación e terán carácter presencial, 18 ao desenvolvemento do proxecto e 8 a titorización personalizada, podendo desenvolverse estas  dúas últimas de xeito presencial ou telemático. Tal e como se establece nas bases, trátase de que todas as persoas que participan no equipo emprendedor adquiran habilidades e competencias emprendedoras ao tempo que maduran unha idea empresarial.

Como vén sendo habitual o número máximo de axudas será de 12 e poderán desenvolverse en calquera dos tres campus da Universidade de Vigo e abranguer todos os ámbitos de coñecemento. Os requisitos limítanse a estar matriculados na UVigo en estudos de grao ou máster ou ser titulado nunha titulación oficial por esta institución no curso 2019/2020 ou posteriores. A maiores tamén se admitirá estudantado matriculado en titulacións oficiais ou persoas tituladas doutras universidades españolas, sempre que estes non superen o 50% dos membros do equipo. 

Incuvi Avanza: formación, mentorización e axuda de 1000 euros

No caso das catro axudas Incuvi Avanza están destinadas a aquelas persoas ou equipos emprendedores que fosen beneficiarios dun premio nas últimas cinco edicións da convocatoria Incuvi Emprende e desexen continuar coa maduración da idea, así como tamén aquelas persoas ou grupos que, sen seren beneficiarios dun destes premios, teñan unha idea que xa posúa un modelo de negocio validado. “Este ano ampliamos a limitación  que había en anteriores convocatorias de ter participado no Incuvi Emprende o ano inmediatamente anterior”, explica Maruxa Álvarez, facendo fincapé en que o proceso de definir unha idea e convertela en idea de negocio sostible “non ten a mesma duración para todas as ideas nin equipos”.

Neste caso a bolsa consiste nun programa formativo que inclúe 20 horas de formación sobre prototipación e planificación do márketing, 12 horas de mentorización personalizada e outras 12 de traballo dirixido para o desenvolvemento da idea de negocio; así como unha axuda económica dun máximo de 1000 euros por proxecto cos que poder facer fronte a custos de prototipación ou demo dun produto ou servizo.

Incuvi Consolida: mentorización personalizada entre 6 e 10 meses e 1000 euros

No caso de Incuvi Consolida o programa está destinado a aqueles proxectos emprendedores previamente beneficiarios do programa Incuvi Avanza e que desexen continuar coa maduración e desenvolvemento do proxecto emprendedor. Neste caso a axuda en especie chega en forma dun programa de mentorización personalizada que pode prolongarse entre 6 e 10 meses -de febreiro a novembro de 2023-, e unha achega económica máxima de 1000 euros para sufragar os gastos derivados da consolidación do proxecto emprendedor (adquisición ou reparación de equipamento, gastos de asesoría/xestoría, primas de seguros, publicidade e difusión…).

Ata o 20 de outubro, en Emprende, e o 27 en Avanza e Consolida

As solicitudes poden presentarse tanto de xeito individual como en equipos dun máximo de catro integrantes a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da UVigo. As persoas interesadas en presentarse ás axudas Incuvi Emprende poden facelo ata o 20 de outubro, e os que queiran facelo a Incuvi Avanza ou Incuvi Consolida, ata o xoves 27.