A Unidade de Diversidade fai un chamamento a crear contornas libres de discriminación
A UVigo reivindica o dereito a vivir con liberdade, dignidade e sen medo co gallo do Día Internacional contra a LGTBIfobia
Celébrase o 17 de maio
Rexeitamento, burla, exclusión ou violencia, pero tamén silencios ou xestos son só algunhas das formas que adopta a LGTBIfobia, que afecta moi especialmente a persoas trans, non binarias e todas as que se afastan das normas impostas sobre o xénero ou a orientación sexual.
A UVigo, a través da Unidade de Diversidade, reafirma na véspera da celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia, o 17 de maio, o seu compromiso por unha institución “que celebre a diversidade e garanta que todas as persoas poidan ser que son e decidir libremente quen queren ser, sen sufrir discriminación por razón de orientación sexual, identidade de expresión de xénero, ni polas súas características sexuais”, detalla Raquel Rey, directora da Unidade.
Co gallo da celebración do Día Internacional da LGTBIfobia, que lembra que foi nese día de 1990 cando a OMS deixou de considerar a homosexualidade unha enfermidade mental, desde a Unidade de Diversidade ponse o acento en visibilizar esta realidade e defender o dereito fundamental a vivir con liberdade, dignidade e sen medo. “Reivindicamos unha universidade onde ser bisexual, pansexual, lesbiana, gay, trans, intersex… , non sexa un risco nin un motivo de discriminación”, explica Rey.
Creación de contornas seguras
Na loita contra a LGTBIfobia e polo recoñecemento das múltiples formas de vivir e de ser, vivir e sentir, entendendo a diversidade como unha riqueza e non unha ameaza, a Unidade de Diversidade da UVigo fai un chamamento á comunidade universitaria a implicarse activamente na creación de contornas seguras, acolledoras e libres de discriminación. "A liberdade de ser e decidir quen se é debe estar garantida en todos os espazos”, sinala a directora da Unidade, que avoga por unha universidade onde todas as identidades e orientacións teñan espazo, voz e liberdade.