Con diferentes actos nos seus tres campus
A UVigo reivindica neste 25N a erradicación de todas as violencias machistas
"Sufrín abuso e agresión sexual por parte de meu pai e cando denunciei sentinme tan xulgada que saquei a denuncia. Dicíame que se non facía o que el quería e cando el quería íame deixar. Moitas veces volvendo para a casa pola noite fago que falo por teléfono porque teño medo. Chamáronme moitas veces feminazi". Co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social colocou un mural no que se convida á comunidade universitaria a rachar o seu silencio e expor violencias vividas e estes son algúns dos moitos testemuños recollidos. Co obxectivo de avanzar cara a igualdade real, a Universidade de Vigo volve un 25N máis a reivindicar a erradicación de todas estas violencias machistas, desde as máis sutís ás máis graves.
Este 25N, apuntou Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, “é o momento de reafirmar unha vez máis o compromiso firme que ten a Universidade de Vigo coa prevención e combate de todo tipo de violencias sexuais e de xénero. Isto non é unha reivindicación puntual, é un traballo do día a día e nesa loita estamos”, pondo o aceno na implicación tamén do alumnado nesta tarefa. A responsable institucional foi a encargada de abrir a concentración que tivo lugar no campus de Ourense e na que alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social deu lectura a algúns dos citados testemuños anónimos recollidos no mural colaborativo colocado no Edificio de Ferro baixo o título Rompe o silencio!. “Xuntámonos diante deste mural para lembrar, denunciar e reivindicar tantas mulleres que sufriron e sofren violencia polo simple feito de ser mulleres” e para reafirmar “o noso compromiso: romper o silencio, visibilizar as violencias, apoiar ás vítimas e seguir loitando por unha igualdade real e efectiva”. O mural, indicaron, continuará recollendo ao longo do curso os testemuños das mulleres que desexen expresarse nel.
O alumnado tamén deu lectura a un manifesto feito por elas e eles. Nel destacaron que “reafirmamos o noso compromiso coa igualdade, coa educación como ferramenta de cambio e coa loita decidida contra todas as formas de violencia machista. Sabemos que educar é tamén actuar contra a desigualdade e que formar persoas críticas, libres e conscientes é unha das armas máis poderosas para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Comprometerse coa igualdade, afirmaron no manifesto, “é moito máis que unha declaración: é un camiño diario, un exercicio de responsabilidade colectiva, é aprender a dicir basta xa con voz firme e corazón aberto, é construír espazos seguros, respectuosos e inclusivos onde todas as mulleres poidan vivir, traballar e soñar sen medo”.
Xornadas e exposicións en Ourense
Non foi este o único acto celebrado este martes no campus de Ourense e nos demais campus da UVigo. Na Facultade de Dereito ourensá tiveron lugar as Xornadas 25N. Defensa, igualdade e non discriminación, organizadas polo Instituto de Xustiza e Xénero da Universidade de Vigo co apoio das facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo e do Colexio da Avogacía de Ourense. A actividade, dirixida pola catedrática Inés C. Iglesias Canle, arrancou o pasado día 13 e hoxe tivo a súa segunda sesión, desenvolvendo un programa académico dirixido a analizar desde unha perspectiva xurídica os retos actuais na loita contra a violencia de xénero e contando con profesorado especialista das universidades de Vigo, Estremadura e Macerata (Italia). Ademáis, a entrada do edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense acolleu a inauguración este martes dunha mostra con obra de alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde feita co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A exposición "explora, a través dun único corpo simbólico, as múltiples violencias que afectan ás mulleres: estruturais, psicolóxicas, sexuais e obstetricias" sendo "un relato visual que busca visibilizar, denunciar e defender a resistencia de todos os corpos disidentes". A iniciativa conta co apoio de, ademais da Universidade de Vigo, do Concello de Ourense.
Por último, as facultades de Dereito e de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense celebrarán esta tarde unha conversa aberta para reflexionar sobre o papel das institucións e da sociedade na loita contra a violencia de xénero. Intervirán Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, que falará sobre políticas e estratexias da institución académica para a igualdade real; Carlos Vázquez, xefe do Grupo de Unidade de Atención á Familia e á Muller, que intervirá sobre protección, acompañamento e prevención na intervención policial en casos de violencia de xénero; e Julián Pardinas, xefe da Unidade de Violencia contra as Mulleres de Ourense.
Os libros centran os actos conmemorativos no campus de Pontevedra
Cando a choiva xa non molla, un libro de poemas haiku do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Andrés Cernadas foi nesta ocasión o eixe central do acto co que Facultade de Dirección e Xestión Pública se sumaba á conmemoración deste 25N. Dirixido, como salientou a profesora Ánxela Fernández a “reivindicar unha sociedade libre de violencia machista”, este acto abriuse cunha breve presentación dun poemario “contra a violencia de xénero”, para o que Cernadas contou coa colaboración desta docente. Trátase, explicou, dun libro, con catro partes, que abrangue en primeiro termo un grupo de haikus “de denuncia social”, para logo presentar unha serie de poemas centrados “no maltrato físico e psicolóxico”, mentres que a terceira parte pon o foco no “apoderamento da muller” e a última, “seguindo con esta temática, pretende ser un pouco máis poética”. Tras esta presentación, o acto completouse co recitado dalgúns destes poemas por parte do alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública.
A Facultade de Comunicación, por outra banda, sumouse á reivindicación do 25N cun acto dirixido a pór en valor a inclusión da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, que tiña tamén nun libro ou seu eixe central. Tratábase de As fotos de Lola, un volume que reúne unha escolma das fotografías realizadas ao longo da súa vida por Lola Veleiro, realizado pola súa parella, o escritor Miguel Anxo Fernández, profesor deste centro ata a súa xubilación, co asesoramento de Xosé Enrique Acuña. Coordinado pola profesora Anna Amorós, o acto abordou desde diferentes perspectivas as imaxes desta “muller con cámara”, como a recordaba Fernández, quen lembrou tamén “a sensibilidade" de Veleiro “coa igualdade de xénero”. De afondar nas 126 imaxes reunidas neste libro encargáronse tanto o propio Fernández, quen conectou as súas fotografías coa historia do cine, a estudante de Comunicación Audiovisual Cristina Martínez e o fotógrafo e profesor da facultade Jorge Lens. A apertura deste acto contou coa intervención da decana, Emma Torres, quen lembrou que “o punto de partida” para erradicar a violencia machista é acadar “unha sociedade igualitaria”, o que fai necesario “apoderar as mulleres”, o que levouna a resaltar o positivo de centrar este acto nunha muller “que entendía isto perfectamente”. Torres participará así mesmo na tarde deste martes na presentación no Concello de Sanxenxo dunha das campañas do 25N realizadas polo alumnado do Máster en Dirección de Arte en Publicidade, no marco dun proxecto de aprendizaze-servizo realizado coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Coloquios e proxeccións en Vigo
No campus de Vigo, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebra esta data cun ciclo no que se inclúe un encontro literario, proxeccións e coloquios. As actividades arrancaron onte luns cun encontro literario coa xornalista e escritora Carmen V. Valiña, doutora en Historia contemporánea especialista en estudos de xénero e autora do libro As tolas que non o eran onde se achega a historia das internas no hospital psiquiátrico de Conxo entre 1885 e 1936, mulleres que foron privadas de liberdade por cuestións que distaban moito de ser enfermidades mentais, mulleres que avergoñaban ás súas familias por saírse do socialmente establecido para a época.
O ciclo continuará esta tarde coa proxección das curtametraxes El jefe (2019) e A entrevista (2022), da produtora independente galega Kraken Media e posterior coloquio con Alba Gallego, impulsora deste proxecto xunto con Adrián Castiñeiras e Hugo Tato.
As actividades continuarán mañá mércores, neste caso na Facultade de Filoloxía e Tradución, da man do sindicato estudantil Fervenza co faladoiro/recital A invisibilidade das mulleres na cultura, impartido pola ex-alumna e escritora emerxente Branca Trigo. Será na aula A6 ás 11.00 horas.
Apelando á responsabilidade colectiva
Ademais deste amplo abano de actividades que arrancaron co acto institucional celebrado o pasado día 17 no campus de Ourense e que culminaron este martes coas citadas accións, a Universidade de Vigo volve a facer público o seu manifesto institucional co gallo deste 25N. Nel arráncase sinalando que “no espazo universitario, a igualdade de xénero é moito máis ca unha meta institucional: é unha responsabilidade colectiva que nos implica a todas as persoas que formamos parte da Universidade de Vigo”. O tratamento das violencias sexuais, especialmente o acoso sexual, sinálase, “debe tratarse apostando por unha mirada aberta, crítica e transformadora, baseada na formación rigorosa, o respecto, a ética do coidado e a convivencia”. No texto lémbrase que os datos das universidades europeas e das españolas amosan que aínda que existen protocolos de prevención, procedementos de denuncia e medidas de acompañamento, moitas situacións de violencia sexual non chegan a formalizarse por medo, desconfianza ou falta de recursos. Porén, sinálase no manifesto, “é fundamental que, ademais de garantir vías seguras para denunciar, a universidade promova campañas de formación, sensibilización e participación activa, involucrando a toda a comunidade universitaria na creación dun ambiente respectuoso, equitativo e libre de violencia”.
O manifesto da UVigo apunta que “como comunidade universitaria, comprometémonos a problematizar e a diversificar miradas, a promover a igualdade e a participación, e a traballar por unha universidade libre de violencias sexuais tanto no contexto fóra de liña coma no dixital, onde se faga responsable a quen ten condutas que ameazan a dignidade, a liberdade e o benestar de todas as persoas. A transformación colectiva é posible e necesaria para que a universidade sexa un espazo real de respecto, liberdade e igualdade”. Ademais deste pronunciamento propio, a Universidade de Vigo súmase tamén ao manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria.
