DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será este venres nunha xornada na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

A UVigo reivindica o papel do galego no ámbito xurídico e institucional

Inclúese a presentación dun novo libro de Xosé Manuel Pacho sobre dereitos lingüísticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 15/04/2026

A Universidade celebrará este venres 17 de abril a Xornada Deberes lingüísticos tamén co galego. Dereito e garantías lingüísticas, unha iniciativa organizada pola Área de Normalización Lingüística en colaboración coa Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo co obxectivo de promover o uso normalizado do galego e analizar as garantías necesarias para facelo efectivo nos distintos ámbitos do coñecemento, neste caso, o xurídico e institucional. 

Dáse así continuidade a un ciclo de encontros xa desenvolvidos nos tres campus da UVigo, con títulos como O dereito tamén en galego (Ourense), A educación tamén en galego (Pontevedra) e As linguas, tamén o galego (Vigo), diferentes citas nas que se afondou na presenza do galego en diferentes ámbitos e se fomentou o emprego da lingua en calquera campo do saber.

Coorganizada polo director da Área de Normalización Lingüística, Benigno Fernández Salgado, e o profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Xosé Manuel Pacho Blanco, a xornada reunirá persoal docente, investigador e estudantado arredor da reflexión sobre os dereitos e deberes lingüísticos no ámbito universitario e, en particular, no eido xurídico.

Linguas, dereitos, minorías e xustiza...

A cita, para a que aínda está aberto o prazo  de inscrición, será na sala de graos da facultade a partir das 9.30 horas coa intervención do decano da facultade, Pablo Grande Seara e, tras a apertura, terá lugar a primeira das conferencias, Linguas, dereito, minorías e xustiza, a cargo de Eduardo Javier Ruiz Vieytez, da Universidade de Deusto, quen abordará a relación entre diversidade lingüística e dereitos fundamentais.

O caso do persoal sanitario

Ás 10.15 horas será a quenda de María Ballester Cardell, da Universidade das Illes Balears, que impartirá a conferencia As competencias lingüísticas do persoal sanitario. Entre os dereitos e as obrigas dos usuarios e dos empregados públicos, centrada nun ámbito especialmente relevante como é o da atención sanitaria e o equilibrio entre dereitos lingüísticos e deberes profesionais.

Un libro que pon en valor a diversidade lingüística

As 11.30 horas chegará a presentación do novo libro do profesor Xosé Manuel Pacho, Estudo sobre dereitos lingüísticos: o marco xurídico do galego, no que se achegan dous importantes documentos para comprender o valor das linguas: a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias e a Declaración universal de dereitos lingüísticos. “É un libro que tenta poñer en valor a diversidade lingüística e o valor das linguas como expresión da riqueza das sociedade e como debemos apostar polas linguas”, explica o autor.

Editado pola Área de Normalización Lingüística e a Editorial Galaxia, na obra analízase “como se constrúe a liberdade das linguas nas sociedades nas que vivimos e a necesidade da xustiza lingüística, afondando na idea do contexto de elección”, apunta Pacho. “Noutras palabras, o contexto de eleccion é o que condiciona nas sociedades plurilingues que usemos unha ou outra lingua”.

De seguido, analízase tamén o marco xurídico da lingua galega, engadindo a análise dos instrumentos que a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias achegou para a defensa das linguas. Examínanse tamén os informes de seguimento que esixe o convenio europeo e, como colofón, reflexíónase sobre os dereitos lingüísticos como mecanismo de defensa da dignidade de todos os seres humanos.

Mesa redonda sobre o galego na xustiza

O programa continuará ás 12.00 horas cunha mesa redonda baixo o título A lingua galega na xustiza e na administración, na que intervirán Antonio Miño López, letrado da Xunta de Galicia; Xosé González Martínez, representante da Irmandade Xurídica Galega, e Xosé Barreiro Prado, maxistrado e presidente da sección segunda da Audiencia de Pontevedra. Este espazo permitirá abordar, desde a experiencia profesional, os retos e as oportunidades do uso do galego nos ámbitos xudicial e administrativo. A clausura, prevista para as 13.30 horas, correrá a cargo do reitor, Manuel Reigosa.