DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do Grupo de Enxeñaría de Fabricación e o grupo de innovación docente Empresa e Innovación

A UVigo reta a estudantes de toda a España a deseñar a estrutura dun dron

Desafío Optidrone busca impulsar o uso do deseño xerativo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 02/10/2025

A UVigo convida a estudantes de calquera universidade española a deseñar os seus propios drons. Faino a través do Desafío Optidrone, unha iniciativa que acaban de poñer en marcha o Grupo de Enxeñaría de Fabricación (GEF) e o grupo de innovación docente Empresa e Innovación (Gidein). Neste reto, a organización quere que a estrutura do UAV sexa un factor clave, polo que recomendan ao alumnado participante o uso de estratexias como a optimización topolóxica ou o deseño xerativo.

Unha aposta polo deseño xerativo

Dende a organización deste concurso explican que “en sectores como o aeroespacial ou a automoción, a masa dos compoñentes é crítica, xa que afecta ao consumo de combustible e ás emisións á atmosfera”. Por iso, as estratexias de optimización son cada vez máis importantes e, co desenvolvemento da fabricación aditiva, estes novos deseños pódense fabricar. Como detallan dende o Grupo de Enxeñaría de Fabricación, coordinado polo profesor Diego Carou, neste contexto xurdiu nos últimos anos o deseño xerativo, “unha ferramenta que permite combinar deseño, estudo de materiais, análise estrutural e mesmo a fabricación desde a mesma etapa de deseño conceptual”. O emprego deste tipo de ferramentas, recoñecen, “non está aínda moi estendido”, pero con iniciativas como Desafío Optidrone agardan “dalas a coñecer e incrementar o seu emprego nos estudos de enxeñaría”.

Inscrición aberta ata o 5 de outubro 

O desafío está aberto a estudantes de calquera universidade de España matriculados en titulacións de grao ou máster nos cursos 2024/2025 ou 2025/2026. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 5 de outubro enviando un mail a gef@uvigo.es no que deberán  adxuntar unha imaxe do deseño de dron e un resumo do proxecto de ata 200 verbas. Todos os proxectos recibidos publicaranse no espazo en Linkedin do Grupo de Enxeñaría de Fabricación e cada participante terá unha publicación cunha imaxe e un abstract. Entre o día 6 e o 13 de outubro abrirase un período de votación e os seis traballos con máis votos pasarán á final do concurso.

Nesta fase final, as ou os seis finalistas deberán presentar as súas propostas ante un tribunal, nunha data e lugar que se darán a coñecer máis adiante. Cada participante disporá dun máximo de 10 minutos para facer unha presentación ante un xurado composto por profesorado e persoal investigador da comunidade universitaria ou profesionais do eido empresarial. A puntuación final dependerá dos votos recibidos na fase de cualificación (ata 15 puntos), así como da valoración que o tribunal faga dos criterios estéticos (15), a aplicación (15 puntos); a selección do software e a metodoloxía empregada para a optimización da estrutura (25 puntos); valoración técnica do deseño final (15 puntos) e o estudo da fabricación da estrutura (15 puntos).

Neste concurso colaboran na organización a High Tech Auto (HTA), a incubadora de startups en automoción e mobilidade do Consorcio da Zona Franca de Vigo, xunto co Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Contase tamén co patrocinio da empresa Aeromedia que outorga un Drone DJI Mini 4 Pro, a empresa Filament2Print (Dativic) que será responsable do segundo premio, unha impresora Creality K1e 3DConnexion que achega o terceiro premio, un CadMouse Pro Wireless.