DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 3ª edición do ciclo de cinema desenvolverase entre o 23 de marzo e o 29 de abril

A UVigo segue a apostar pola lingua galega no cinema cunha decena de novas proxeccións 

Documentais, curtas, animación e longametraxes proxectaranse no edificio Cambón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Lingua Galega
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/03/2026

A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes.

“Co obxectivo de amosar a importancia da lingua galega no eido da cultura en xeral e en particular no eido do cinema e de valorar a nosa lingua", a vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda, anima á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a asistir ás proxeccións que serán gratuítas ata completar a capacidade do auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (Edificio Cambón) en Vigo. O ciclo, que comezará o luns 23 de abril, prolongarase ata o 29 de abril e incluirá cinco sesións nas que ademais das proxeccións haberá intervencións dos e das súas autoras, contado coa moderación do organizador do ciclo, Simone Saibene.

De Otero Pedrayo a San Simón, pasando polo rato Arnold

O ciclo arrancará o luns 23 de marzo ás 19.00 horas coa proxección, en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo, do documental Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe, dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch. A docente e investigadora intervirá no coloquio posterior á proxección da súa obra na que explora o profundo vínculo do escritor ourensán coa contorna galega.

As proxeccións continuarán o 8 de abril con O meu ilustrísimo amigo, na que Paula Cons afonda na apaixonante historia de amor e creatividade que protagonizaron no século XIX Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós e da que quedou constancia nas apaixonadas cartas que a parella intercambiou mentres durou a súa relación.

O 15 de abril será a quenda para San Simón, a longametraxe na que Miguel Ángel Delgado traslada o espectador a 1936, ao antigo lazareto situado na illa, que o réxime de Franco converteu nun campo de concentración, e que sete anos despois, o preso Lamas, lembrará como lugar de represión e morte para mulleres e homes como el. A película, que foi estreada no Festival de San Sebastián 2025, foi finalista aos Premios Mestre Mateo 2026 e Premio Mellor Filme no OUFF.

A animación chegará ao ciclo A lingua galega no cinema o 22 de abril con Decorado de Alberto Vázquez, unha película protagonizada por Arnold un rato de mediana idade atrapado nunha crise existencial, cun matrimonio que esmorece e ao que a súa vida parécelle absurda e empeza a sospeitar que todo ao seu redor é unha gran farsa. Pamela Poltronieri, directora de animación do filme, será a protagonista do coloquio posterior á proxección desta cinta que recibiu o Premio Forqué 2025, Premios Días de Cine 2025 e foi finalista aos Premios Mestre Mateo 2026 e aos Premios Goya 2026.

Un peche, cheo de curtas

O 29 de abril o ciclo baixará o pano cunha sesión dedicada ás curtas galegas máis premiadas nos últimos cinco anos e que comezará coa proxección de Hippocampus, de Xaime Miranda, un drama fantástico, no que Tomás, un ancián atrapado no recordo dunha tarde con Marta, o seu amor platónico, utiliza un dispositivo experimental para revivir ese momento e enfrontar os seus arrepentimentos. A sesión continuará con Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal, unha viaxe, un diario de vida, sobre a emigración rural ás cidades e O corpo de Cristo, de Bea Lema, a adaptación do cómic El Cuerpo de Cristo, da mesma autora, a curtametraxe de animación e no que relata as vivencias de Vera, unha nena que convive coa enfermidade mental da súa nai.

Delincuente de Alba Domínguez Serén e Nuria Vilán Prado, un ensaio no que a través do recordo de La Maradona, a líder dunha banda de delincuencia xuvenil viguesa dos anos oitenta, Nuria Vil constrúe un universo poético no que mestura o imaxinario do cinema quinqui coa historia obreira da cidade de Vigo para achegar ao presente algunhas referentes da literatura galega contemporánea e unha vindicación potente do colectivo LGBTIAQ+ e Adeus, Berta de Fernando Tato, un drama no que Alicia chega á casa dos seus pais na Pobra do Caramiñal para elixir a roupa que levará a súa nai no velorio e reecontrarase coa súa irmá, Berta, que acaba de saír do centro de rehabilitación onde está ingresada, pecharán a terceira edición do ciclo.

O coloquio posterior contará coa participación de todos os directores e directoras das curtametraxes e será moderado por Severiano Casalderrey, programador e crítico de cinema.