DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o QS World University Rankings by Subject 2025 

A UVigo sitúase entre as mellores universidades do mundo en catro ámbitos

Nos eidos agrícola e forestal, ciencias biolóxicas, química e enxeñaría eléctrica e electrónica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/03/2025

Resultado da análise da reputación e produción investigadora de máis de 5200 institucións de educación superior, este mércores facíase pública a edición de 2025 do QS World University Rankings by Subject, que sitúa a UVigo entre as mellores universidades do mundo en catro ámbitos, os de Agricultura e Forestal, Ciencias Biolóxicas, Química e Enxeñaría Eléctrica e Electrónica. Con respecto á anterior edición desta clasificación publicada pola compañía QS Quacquarelli Symonds, destaca o ascenso da institución académica na área de ciencias agrícolas e forestais, na que figura por primeira vez entre as 200 mellores do mundo. 

A Universidade tamén mellora a súa posición en Ciencias Biolóxicas, situándose na franxa 451-500, mentres que tanto en Química como en Enxeñaría Eléctrica e Electrónica atópase entre as 550 institucións de educación superior máis destacadas. “En termos xerais, podemos dicir que os resultados son bastante semellantes aos do ano anterior e isto é xa de por si moi positivo, porque indica que seguimos na carreira e non quedamos atrás”, sinala a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, despois de que a UVigo repita presenza no ránking nestes catro ámbitos, mellorando posición en dous dos casos.

O QS World University Rankings by Subject busca proporcionar unha análise comparativa independente de máis de 18.300 programas universitarios, cursados en máis de 1700 universidades dun centenar de países. Estruturado en 55 ámbitos e cinco grandes áreas de coñecemento, a UVigo comezou a ser valorada nesta clasificación no ano 2021, ano no que foi recoñecida como unha das mellores do mundo en dous eidos.

O papel dos centros e institutos de investigación 

Neste 2025, a UVigo obtén a súa posición máis destacada, na franxa 151-200, na área de agricultura e forestal, despois de situarse no tramo 201-250 na anterior edición, a primeira na que a UVigo figuraba na clasificación deste ámbito. “Xa tiñamos clara a súa fortaleza a partir do ránking ARWU”, destaca Rubio respecto do potencial académico e investigador da institución nestas áreas, relacionado á súa vez “coa mellora no último ano do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), no marco do Campus Auga de Ourense". 

A Universidade tamén escala posicións no eido das Ciencias Biolóxicas, no que pasa da franxa 501-550 a emprazarse entre as 500 mellores do mundo. Neste caso, Rubio sinala que se trata dun ámbito que encaixa tanto coas liñas do CINBIO como do CIM, o que lévaa a incidir na importancia dos “nosos centros de excelencia considerados como centros Cigus pola Xunta de Galicia”. Do mesmo xeito, a química, na que a Universidade se mantén un ano máis no treito 501-550, “é tamén un dos ámbitos prioritarios do CINBIO”. 

Rubio salienta tamén o “papel dos centros colaborativos, como é o caso do Cintecx”, despois de que a UVigo repita presenza neste ránking por cuarto consecutivo na área de Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, aínda que cunha "lixeira baixada”, pasando a situarse tamén na franxa 501-550. 

“En definitiva”, conclúe a vicerreitora, “a UVigo rebosa saúde na investigación e amosa un crecemento en moitos dos ámbitos nos que xa era forte”, que en parte ve “claramente relacionado coa política de centros e institutos, derivada das convocatorias da Xunta de Galicia, ás que nos soubemos adaptar e encaixar estupendamente”. Neste punto, Rubio amosa o seu desexo de que o IAA poida acceder á convocatoria de centros colaborativos e que Cintecx alcance a categoría de centro Cigus, así como a esperanza de que, cando menos, un dos tres centros de excelencia cos que xa conta a institución académica poida acadar "na convocatoria deste ano” a acreditación de excelencia María de Maetzu.

Avaliada en 33 materias

A elaboración deste ránking por materias susténtase na utilización de cinco métricas clave, nas que QS emprega un conxunto de indicadores con ponderacións variables, en función das características de cada ámbito. Por unha banda, os indicadores de reputación baséanse nas respostas das enquisas realizadas a máis de 240.000 empregadores e académicos, mentres que o impacto e produtividade da investigación mídense a través das citas por artigo e o índice H, á vez que empregan a International Research Network para avaliar a colaboración en investigacións transfronteirizas.

Para a elaboración deste ránking, o equipo responsable analizou a reputación e produción investigadora de máis de 5200 universidades, das que un total de 1747 entraron a formar parte desta clasificación, estruturada en 55 disciplinas. No caso da Universidade de Vigo, a institución foi avaliada en 33 destes campos, logrando en catro deles figurar entre as mellores do mundo. No conxunto de España, un total de 42 universidades figuran neste ránking por materias, sumando no seu conxunto un total de 517 aparicións nestes 55 ámbitos.