DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O executivo galego manifestou a súa disposición a atender a petición 

A UVigo solicita formalmente á Xunta a cesión dos edificios Morse e Enfermería situados no antigo complexo da ETEA 

O reitor reitera no Consello de Goberno a súa preferencia por un grao en Medicina "partillado"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 30/07/2025

“A porta está aberta para que fagamos a petición e se conceda”. Con estas palabras resumiu o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, a decisión da institución académica viguesa de solicitar formalmente por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a cesión dos edificios Morse e Enfermería, situados no antigo complexo da Escola de Transmisión da Armada (ETEA) no barrio vigués de Teis, logo de que o titular do goberno galego lle trasladase hai unhas semana nunha xuntanza celebrada co reitor a súa disposición a atender a demanda da institución académica viguesa. Os edificios Morse e Enfermería sumaríanse ao Faraday e Siemens, o primeiro xa cedido á UVigo e o segundo á espera de que se asine en breve o acordo co Consorcio da Zona de Franca de Vigo, aos que a institución académica viguesa pretende trasladar a Facultade de Ciencias do Mar e o Centro de Investigacion Mariña (CIM), que se sumarían ao futuro Campus científico-tecnolóxico do Mar, completado con instalacións do CSIC.

O avance no desenvolvemento do proxecto da UVigo na ETEA recibiu hoxe o apoio por asentimento das e dos integrantes da derradeira sesión do curso do Consello de Goberno, no que a polémica xerada tras a decisión de la Universidade de A Coruña de solicitar o Grao en Medicina volveu centrar parte dos debates e intervencións. A preguntas de varios membros do órgano de goberno o reitor reiterou a súa disposición a acadar un consenso no seo da comisión de traballo para a descentralización que coordina, aínda que tamén advertiu que caso de non lograrse “amosaríamos o noso papel e racharíamos”. Reigosa, que asegurou que ten que haber “descentralización e equilibrio” e que “o mellor sería un titulo interuniversitario no que 4º,5º e 6º fosen das tres universidades e co título expedido polas tres”, tamén afirmou que “non vou permitir, aínda que eu non debería dicilo así, que haxa unha aldraxe con dúas facultades nunha provincia”.

Informe do reitor: datos de matrícula, prazas de PDI e Campus Spain

A sesión deste mércores comezou co informe do reitor, no que Reigosa achegou os datos de matrícula nos graos da UVigo logo do cuarto chamamento no que se acadou unha porcentaxe de ocupación global do 105,81% e por campus dun 109,22% en Pontevedra, 105,19% en Vigo e 104,43% en Ourense. “Estamos sendo quen de cumprir mesmo en titulacións que tiñan dificultades e seguir sendo máis competitivos no SUG”, dixo o reitor, que tamén se amosou satisfeito polo récord acado pola UVigo no proceso de preinscrición, no que preto de 5000 estudantes elixiron títulos da institución viguesa como primeira opción, cunha diferenza en positivo de case 400 respecto do curso anterior. 

No seu informe, o reitor tamén repasou a situación na que se atopan as prazas de PDI, destacando que das 42 de axudante doutor María Goyri convocadas, 32 xa están resoltas e adxudicadas, mentres que das de axudante doutor do contrato programa 2025 xa está publicada a listaxe definitiva e as comisións en fase de constitución. Pola súa banda, das 32 de profesorado permanente laboral, 22 están provisionadas e o resto pendentes; das 31 de titular, unha xa está comisionada, estando en fase de constitución as comisións e a avaliación e das 30 de catedráticos e catedráticas, os listados provisionais xa están publicados e en fase de subsanación e sobre o 1 de setembro está prevista a publicación da listaxe definitiva.

En relación coa modificación introducida no regulamento de estranxeiría que mudará a partir do curso que vén o proceso de formación do alumnado estranxeiro que chega á UVigo, a través da empresa Campus Spain, para acadar o título B2 de español e a continuación incorporarse ao sistema universitario español, o reitor confirmou que a formación que ata o agora impartía o Centro de Linguas pasará a depender da Escola de Posgrao e Formación Permanente. Unha decisión adoptada logo de que non se acadase un acordo coa Facultade de Filoloxía e Tradución que solicitaba que un 50% do seu profesorado participase na docencia, fronte ao 25% que se lle ofreceu. O decano do centro, José Montero Reguera, e o docente e representante sindical do PDI Miguel Cuevas, manifestaron o seu desacordo co que consideran “unha imposición”, así como co carácter privado da Fundación da que depende o Centro de Linguas, aínda que o reitor, que se amosou disposto a seguir negociando a partir de setembro, insistiu en que é pública, ao ser a UVigo a única integrante do padroado.

Solicitude de cesión á Xunta do edificios Morse e Enfermería da ETEA

As e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron este mércores por asentimento a solicitude que o reitor, Manuel Reigosa, trasladará por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de cesión dos edificios Morse e Enfermería, situados no antigo complexo da Escola de Transmisións da Armada (ETEA) en Teis. Unha demanda que se insire no marco das xestións da UVigo por trasladar o Centro de Investigación Mariña (CIM) e a Facultade de Ciencias do Mar ao futuro Campus científico-tecnolóxico do Mar, que se vai desenvolver no barrio vigués e que se produce, como explicou Reigosa, logo de que a Xunta amosase recentemente a súa disposición, despois de reiterados pedimentos, a realizar a cesión dos inmobles. Estes edificios integraríanse co Faraday e o Siemens, o primeiro cedido e o segundo en proceso de cesión por parte de Zona Franca á UVigo, e cos proxectos que o CSIC desenvolverá nesa mesma contorna.

Como detallou hoxe o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, Félix Quintero,  mentres que “o edificio Morse considérase idóneo para albergar aulas para titulacións da Facultade de Ciencias do Mar, o edificio Enfermería ten unha configuración axeitada para albergar despachos”. A solicitude que se vai remitir ao presidente da Xunta sinala que a UVigo desenvolveu un detallado programa funcional para o Plan sectorial de ordenación territorial do Campus científico- tecnolóxico do mar nos terreos da ETEA e que estas novas instalacións docentes e de investigación nos edificios Morse e Enfermería contribuirán a materializar o polo de xeración de coñecemento e formación de excelencia no campus das ciencias mariñas. 

A preguntas do catedrático Jacobo Porteiro nas que manifestou o seu escepticismo sobre a suposta urxencia e carestía do proxecto, chegando incluso a pedir que esta cuestión se adiase ata que tome posesión o próximo equipo de goberno, Reigosa lembrou que esta demanda se trasladou de xeito reiterado ao goberno galego por parte do equipo de goberno que preside e que “as oportunidades hai que collelas cando a porta está aberta”.

Aposta por un “título partillado” de Medicina

Pola súa banda, as negociacións respecto da descentralización da docencia do Grao en Medicina centraron a quenda de intervencións deste Consello, no que o reitor lembrou que Vigo acollerá este xoves unha nova reunión do grupo de traballo, na que o seu obxectivo “é empezar a marcar a folla de ruta para a descentralización real, coa participación das universidades en pé de igualdade”. Reigosa subliñou que o seu propósito, como coordinador deste grupo de traballo, é “tentar negociar e buscar unha saída” que permita ir máis aló do convenio asinado en 2015 polas tres universidades, que “está moi por baixo do que queremos”. Nese senso, avogou por unha solución de consenso, na que “haxa compromisos concretos, con prazos concretos que se teñen que cumprir” e que pasaría ao seu xuízo por un “título partillado” entre as tres universidades galegas, que abranguese non só a docencia clínica, senón tamén a formación teórica e práctica nos tres últimos cursos.

Na súa intervención, o catedrático Jacobo Porteiro puxo o foco nos atrancos que podería supor a aprobación nos últimos días do novo concerto entre a USC e o Sergas para a adscrición dos centros hospitalarios galegos. Este acordo levou a catedrática Coral del Río, a solicitar, en nome de Nós Universidade, que o reitor dimitise como presidente do grupo de traballo, mentres que o profesor Miguel Cuevas reclamou unha “postura dos órganos de goberno da UVigo” respecto desta cuestión.

A este respecto, Reigosa reiterou o seu obxectivo de tratar de acadar unha solución de consenso, mais recalcou tamén que, se non se producen “avances reais” no grupo de traballo, chegará o momento de “rachar a baralla e tomar unha decisión no Consello de Goberno”. Neste punto, recalcou que “temos tempo para facer constar a nosa expresión de interese” por impartir Medicina, o que ao seu xuízo non sería “a mellor solución”, mais pondo tamén de relevo que sería “unha aldraxe que houbera dúas facultades” en Galicia e que as dúas “estivesen na mesma provincia”. 

Programa de retención de talento investigador e nova spin-off

A aprobación das bases do Programa de Retención de Talento Investigador da UVigo para o 2025 foi un dos puntos aprobados na derradeira sesión deste curso, unha iniciativa que naceu en 2018 para facilitar a continuidade na institución do persoal investigador que viña formando parte dos diferentes programas de contratación de doutoras e doutores, tanto europeos como nacionais ou autonómicos, como Juan de la Cierva ou María Zambrano, entre outros. A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, detallou as características desta nova edición, que permitirá formalizar catro contratos de tres anos de duración como persoal laboral temporal a tempo completo, cun custe total de cada contrato de 50.520€, incluídas as cotas á seguridade social. A selección e asignación dos contratos realizarase considerando un reparto equilibrado entre os catro ámbitos de investigación. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o 22 de agosto ata o 9 de setembro de 2025.

Belén Rubio tamén foi a encargada de presentar para a súa aprobación unha serie de modificacións do Regulamento de Réxime Interno do Servizo de Publicacións, así como a creación da spin-off Cies5SEC, orientada a ofrecer servizos de enxeñaría especializados en ciberseguridade para equipamento militar e embarcado que precisa de tecnoloxía avanzada para evitar fendas de seguridade nas telecomunicacións. 

Modelos de convenio conxuntos e normativas aprobadas

O Consello de Goberno tamén deu luz verde este mércores ao modelo de convenio entre as tres universidades do SUG para organizar e desenvolver conxuntamente as ensinanzas oficiais de programas de grao e mestrado e é que ata o e agora, como explica o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, “cada vez que había unha nova proposta ou modificación dun título existente, nos poñíamos de acordo e había que pasalo por asesoría xurídica título a título. Desta maneira, o convenio é o mesmo para as tres universidades públicas galegas, ten o informe favorable das tres asesorías xurídicas e polo tanto, para unha nova proposta/modificación o convenio é o mesmo independentemente do título e non hai que pasalo por todas as asesorías xurídicas. En resumo, os convenios son os mesmos e os trámites mais rápidos”. Con este acordo aténdese ademais ao RD 822/2021 que  indica que nos títulos interuniversitarios é necesario asinar un convenio de colaboración que regule o título. 

O calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións para o curso 27/28, destacando que para grao/máster as tres universidades públicas galegas consensuaron un  mesmo modelo de declaración de interese para novas propostas e modificacións de títulos e a normativa de programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións de grao co itinerario específico na UVigo, foron outros dos puntos aprobados na sesión de hoxe.

No ámbito de Profesorado, as e os integrantes do Consello tamén aprobaron varias modificacións na normativa de profesorado substituto, entre as que destaca a que permitirá ás persoas candidatas solicitar a presenza dun representante sindical en calquera momento do desenvolvemento do concurso da praza, rematando así cunha situación de "indefensión", segundo a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez. 

Instituto de Investigación en CC do Deporte, manifesto a prol do galego e docencia en inglés

Tras o seu paso polo Claustro, Consello deu hoxe o seu visto e prace á creación do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte, que deberá ser aprobada tamén polo Consello Social. Con sede da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, trátase do quinto instituto de investigación impulsado na UVigo, o primeiro con sede no campus de Pontevedra e nace co obxectivo de converterse “nunha plataforma de referencia para o desenvolvemento do coñecemento científico nos ámbitos do exercicio físico, a saúde, o rendemento deportivo e a educación física”, como salientou a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio. 

Nesta sesión aprobouse tamén o posicionamento da UVigo respecto do uso do galego, o catalán e o éuscaro na Unión Europea, no que solicita o seu recoñecemento como linguas oficiais, “por entender que se identifica coa realidade plurilingüe recoñecida no sistema constitucional español”. O acordo, que tamén contempla que a institución académica se adhira ao manifesto subscrito por 28 universidades, rexeita algúns dos argumentos esgrimidos nas últimas semanas polos socios europeos para adiar por sétima vez a decisión respecto deste recoñecemento, que constitúe un “feito clave para a protección dos dereitos lingüísticos das e dos falantes que “gozan de oficialidade para uns 20 millóns de cidadáns europeos e teñen acreditada unha orixe histórica ao mesmo nivel que o castelán, polo que merecen igual recoñecemento”, sinalou a vicerreitora de Extensión Cultural, Susana Reboreda. 

A modificación do Regulamento para a docencia en lingua estranxeira nos centros da Universidade foi outro dos puntos aprobados hoxe. Dirixida a “fomentar, garantindo sempre a calidade”, que poidan impartirse un maior número de materias, “sobre todo, en inglés, que é algo fundamental para  poder atraer alumnado internacional”, salientou a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, introdúcense varias modificacións como reducir a un curso académico o compromiso de impartición por parte dos departamentos, eliminar a obriga de que o alumnado acredite a súa capacitación lingüística ou que o “seguimento da actividade docente pase a realizarse a través das enquisas de satisfacción xerais”, que se realizarán tamén en inglés.

Noutra orde de cousas, na sesión tamén se deu o visto e prace á proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) nos servizos de Detección Remota e Microscopía Electrónica do CACTI. A proposta da dirección do centro, que non implica custo, tradúcese na xeración dun posto de traballo A1 no Servizo de Microscopía e a amortización do posto de traballo da mesma categoría no Servizo de Teledección.