DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 19 de abril reforzarán os departamentos, entre eles o térmico, de nova creación

UVigo SpaceLab amplía o equipo responsable do lanzamento da misión BIXO

Agardan rematar o satélite o vindeiro outono

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/04/2026

49 estudantes da Universidade de Vigo integran a día de hoxe UVigo SpaceLab. Mentres ultiman o proxecto BIXO, Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit, un CubeSat de dúas unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteariana, o equipo está inmerso nun proceso de ampliación, que se prolongará ata o 19 de abril. “O obxectivo é atraer a novos estudantes para garantir a remuda xeracional, manter o coñecemento e que este non se perda”, explica Daniel Collarte, responsable de Marketing e Manager Lead do equipo, que destaca “que non só buscamos enxeñeiros, senón que poderían formar parte do equipo estudantes doutra carreiras que poden ser útiles no ámbitos administrativos, de deseño ou comunicación”.

Este proceso de ampliación coincide cun momento que os integrantes do equipo cualifican de “decisivo, co lanzamento de BIXO que se realizará en próximos meses” , unha circunstancia que permitirá ás novas incorporacións vivir o lanzamento, e, “o máis importante, o desenvolvemento de novas misións, punto moi importante, xa que o interese da asociación, non só é o proxecto BIXO, senón crear un equipo no que estudantes de todas as carreiras poidan poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos durante a carreira e claramente ampliar o seu ámbito de coñecemento”.

Estrea do departamento térmico 

Entre os departamentos que o equipo precisa reforzar, destaca o térmico de recente creación, “un pilar fundamental que se escindiu do departamento de estruturas”. Os requerimentos térmicos que presenta o satélite, ao tratarse dunha misión biolóxica, xustifican, segundo os membros do equipo, a necesidade de crear esta sección. “A nosa bacteria sobrevive a temperaturas temperadas, entre 25 e 40º C, e no espazo pódense acadar facilmente valores moi elevados que faría que morrese. Este departamento de nova creación é idóneo para xente que queira aprender sobre análise térmica, xa que permitirá comprender como se controla a temperatura nun satélite e como se garante a supervivencia dos experimentos a bordo”, explica Daniel Collarte.

Ademais os novos membros de equipo poderán coñecer de primeira man ferramentas e softwares utilizados na industria aeroespacial, o que lles permitirá adquirir unha experiencia moi valiosa nun ámbito clave do deseño espacial. “Por este motivo este departamento resulta especialmente interesante para estudantes de enxeñaría aeroespacial e mecánica que queiran afondar no deseño e análise térmica de sistemas espaciais”, explica Collarte.

Outono, previsión para rematar o satélite

Mentres agardan a recepción da unidade de potencia do satélite (EPS) e despois de iniciar hai unhas semanas os estudos cos subsistemas xa incorporados no flatsat, a placa que permite realizar probas cos subsistemas pero cunha maneira despregada, na sala limpa, os e as integrantes do equipo agardan rematar o satélite en outono, “senón hai complicacións coa licencia de radio ou coas datas de chegada das súas diferentes partes”.  

En paralelo ao desenvolvemento do proxecto, algúns integrantes do equipo tamén asisten a foros internacionais onde seguir formándose e mesmo presentar os avances do seu proxecto. Así sucedeu no Small Satellites & Services International Forum, celebrado en Málaga. “Trátase do foro internacional de referencia dedicado ao sector dos pequenos satélites onde presentamos unha serie de pósters nos que se representaba o deseño, fabricación e testeo dos actuadores da misión, os magnetorquers; o desenvolvemento do Playload Container de VIXION, o instrumento principal da misión BIXO; e outro baseado no desenvolvemento dunha arquitectura integral de comunicacións”, detallan os integrantes do equipo.