DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permitirá testar cámaras e sensores de radiación que se implementarán no cubesat BIXO

UVigo SpaceLab embárcase nunha nova misión para poñer en órbita o proxecto CORTIS

Esta carga útil integrarase na plataforma OSSIE que a empresa galega UARX Space lanzará en 2025

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Investigación
  • Estudantes
DUVI 09/12/2024

A asociación de estudantes UVigo SpaceLab segue avanzando na súa exitosa carreira espacial. Ao tempo que continúan traballando no proxecto do cubesat BIXO, que aínda non ten data definitiva de lanzamento, acaban de embarcase nunha nova misión, CORTIS (Camera Observation &  Radiation Test in Space). Esta iniciativa, en colaboración coa empresa UARX Space, permitiralles testar e comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que posteriormente se implementarán no cubesat BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit).

CORTIS será lanzado en xuño de 2025 como carga secundaria a bordo de OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration), unha plataforma de inxección orbital desenvolvida pola compañía galega UARX Space, que alcanzará o espazo a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX.

Comparar o desempeño de sensores e cámaras

Un dos principais obxectivos do proxecto CORTIS é comparar o desempeño entre un sensor de radiación comercial COTS e outros dous sensores desenvolvidos internamente polo equipo de UVigo SpaceLab. Como explica a coordinadora do equipo e responsable do Organización e Márketing, Estela Lima, atendendo aos datos que se obteñan en órbita, o equipo poderá seleccionar os sensores que mellores resultados acaden para implementalos en BIXO. Estes sensores, explican dende o equipo, “son de vital importancia para a misión biolóxica do cubesat, xa que nos permitirán saber a canta radiación estarán sometidas as bacterias durante o experimento, polo que será crítico asegurar o seu funcionamento en órbita e logo o procesado deses datos”.

Por outro banda, a misión CORTIS temén permitirá probar o rendemento dunha cámara con flight heritage, coa que agardan obter imaxes do exterior de OSSIE e da Terra. Esta cámara será unha das cargas secundarias que logo levará BIXO, polo que grazas a esta misión “poderemos probar o seu funcionamento en órbita e realizar probas de descarga e procesado das imaxe xeradas”.

Colaboración entre departamentos e empresas galegas

A misión, que xurde a raíz de colaboracións previas con UARX Space, está plenamente deseñada polo equipo de UVigo SpaceLab e conta con empresas patrocinadoras que converten os seus deseños en realidade. En primeiro lugar, o Departamento de Estruturas e Control Térmico estase encargando do deseño e fabricación da estrutura de aluminio anodizado que conterá o hardware no seu interior. Esta plataforma foi fabricada grazas á colaboración coa empresa Precisgal e servirá para protexer todos os elementos que irán no seu interior, ademais de ser a ancoraxe ao vehículo de lanzamento.

Pola súa banda, o Departamento de Electrónica está traballando no desenvolvemento do hardware da misión en colaboración con Star Electrónica, onde se integrarán os sensores e a cámara, ademais de todas as compoñentes necesarias para o seu correcto funcionamento en órbita. O Departamento de Software é o responsable da programación necesaria para garantir a comunicación e procesamento de datos entre os distintos elementos, tanto internamente como co resto da plataforma. Finalmente, o Departamento de Enxeñaría de Sistemas é o encargado de plantexar os obxectivos, de definir as fases da misión e do plan de operacións en órbita. 

Deste xeito, este novo proxecto de UVigo SpaceLab en colaboración con UARX Space contribúe a posicionar a Universidade de Vigo como un referente no sector aeroespacial galego, á vez que impulsa a formación de talento e a innovación tecnolóxica en Galicia.