DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio co Sergas, un dos socios desta iniciativa da Comisión Europea

A UVigo suma o seu coñecemento á participación de Galicia na Nova Bauhaus Europea

O grupo CS1 traballará na difusión dos proxectos impulsados polos socios galegos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/07/2021

A Universidade de Vigo é unha das entidades asinantes dun acordo marco de colaboración promovido pola Xunta de Galicia para a participación conxunta na convocatoria de proxectos europeos da New European Bauhaus, unha iniciativa interdisciplinar impulsada pola Comisión Europea como un espazo de encontro que ten por obxecto deseñar novos xeitos de vivir a través da combinación de cultura, arte, ciencia, inclusión social e tecnoloxía. O Servizo Galego de Saúde é un dos 14 representantes españois recoñecidos como socios deste proxecto comunitario, no marco do que proxecta a creación de novos espazos sustentables na contorna dos centros sanitarios galegos. Concibido como un proxecto medioambiental, económico e cultural, cuxo obxectivo é combinar o deseño, a sostibilidade, a accesibilidade, a inclusión e a estética para contribuír ao cumprimento do Pacto Verde Europeo, a Nova Bauhaus Europea comprenderá, en primeiro termo, o codeseño de iniciativas e proxectos piloto que poidan concorrer as convocatorias de axudas que a Unión Europea impulsará no marco desta iniciativa. O grupo de investigación CS1, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, será un dos axentes implicados nos proxectos que se desenvolvan desde Galicia, centrando o seu labor na comunicación e difusión das iniciativas.

O acto de sinatura deste convenio estivo presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; e nel participaron tamén os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña; Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; e Medio Rural, José González, así como o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Xunto a diferentes entidades e axencias da Xunta, este acordo suma como socios ás tres universidades galegas, o Clúster de Saúde de Galicia, o Clúster da Madeira e o Deseño, a Fundación Universidade Empresa, a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Fundación Juana de Vega.

O “papel central” da comunicación

A Universidade de Vigo está representada neste proxecto a través do grupo de investigación CS1, que centrará as súas achegas na comunicación e difusión das diferentes iniciativas impulsadas polos socios galegos. “Trátase dun proxecto moi interesante, unha iniciativa transversal que busca involucrar a todas as áreas de coñecemento e dentro do que parecénos que a comunicación vai ter un papel central”, salienta a coordinadora do grupo, a catedrática da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Aurora García. A achega do grupo CS1 centrarase na comunicación e difusión das diferentes iniciativas que se vaian desenvolvendo nas distintas etapas dun proxecto que, lembra, completarase en 2023 cunha fase de difusión dirixida a “amplificar todas as ideas e medidas e trasladalas a un público máis amplo”. De feito, a integrante do grupo Concepción Gómez encargouse de realizar un vídeo promocional para o acto de presentación do proxecto galego, que tivo lugar no mes de maio. Como lembra García, esta iniciativa atópase actualmente nunha fase inicial de “codeseño”, mais, con independencia das accións concretas que poidan levarse a cabo de cara a “conseguir un proxecto vertebrador e unificador”, o papel da comunicación, sinala, será "imprescindible" nunha iniciativa que implica ademais "pór en contacto sectores diferentes". Nese senso, García salienta así mesmo o interese para o grupo de formar parte dunha iniciativa centrada na saúde, que busca "dar a coñecer iniciativas para mellorar a vidas das persoas e o seu desenvolvemento”. 

Diferentes axentes para imaxinar unha vida sostible

Como recolle o acordo, a Nova Europea Bauhaus “quere reunir cidadáns, expertos, empresas e institucións e propiciar conversas sobre como facer máis accesibles os espazos vitais do futuro, mobilizar a deseñadores, arquitectos, enxeñeiros, científicos, estudantes e mentes creativas de todas as disciplinas para reimaxinar a vida sostible en Europa”. Esta iniciativa comunitaria atópase actualmente nunha fase de deseño, trala que, a través de convocatorias específicas, promoverase a posta en práctica de diferentes proxectos piloto. Finalmente, a partir de xaneiro de 2023, desenvolverase a fase de difusión, centrada en trasladalar a un público máis amplo as iniciativas desenvolvidas. Segundo informou a Xunta, a participación de Galicia nesta iniciativa terá como eixo a creación de “novas experiencias e espazos sanitarios” que contribúan á súa humanización ao tempo que se protexe a biodiversidade, apostando nese senso polo deseño e o uso de materiais sustentables.