DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marcos Rascado logrou o ouro na competición de florete

A UVigo suma tres medallas nos campionatos de España universitarios de bádminton e esgrima

En bádminton, Ana Nóvoa e Sofía Álvarez sumaron dous bronces

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 17/04/2026

As universidades de Granada e Almería acollían nas últimas horas os campionatos de España universitarios de bádminton e esgrima, respectivamente, nos que o alumnado da UVigo acadou unha medalla de ouro e dúas de bronce. A institución viguesa acudiu á competición de esgrima cun único representante, o estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Marcos Rascado, que logrou a medalla de ouro na competición de florete. No campionato de bádminton estivo representada por cinco estudantes dos campus de Pontevedra e Vigo, sumando dúas novas medallas e o cuarto posto na clasificación por equipos. Ana Nóvoa, estudante de Fisioterapia, logrou o bronce na competición individual feminina, ao que sumou o acadado en dobres feminino xunto con Sofía Álvarez, alumna da Escola Universitaria CEU de Maxisterio de Vigo.

Ouro en Almería

Marcos Rascado foi o único representante da UVigo no CEU de Esgrima, disputado este xoves en Almería, e no que se alzou coa medalla de ouro na categoría de florete, completando a competición sen perder nin un só asalto. O deportista do Olivo de Vigo lograba deste xeito o seu primeiro título de campión de España universitario, que suma a un palmarés no que xa figura o título de campión de España infantil por equipos e seis medallas nos campionatos de España individuais e por equipos en categorías cadete e júnior.

Estudante do Grao en Administración e Dirección de Empresas, Rascado estivo acompañado no podio por Edward Lusted, da Universitat de Valencia, que acadou a prata; Rubén Rubia e Imanol López, das universidades de Almería e Autónoma de Madrid, medallas de bronce.

Cuarto posto na competición por equipos

O campus universitario granadino de Cartuja acollía esta semana o Campionato Universitario de Bádminton, que se definiu por “un altísimo nivel de competición” e a presenza de deportistas do equipo nacional, como sinalan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo. A Universidade acudiu a esta cita con cinco representantes, os estudantes do campus de Pontevedra Pablo Alfaya, Marc Martín, Ana Nóvoa e Basilio Porto e a alumna do campus de Vigo Ana Nóvoa, con Alejandro Rivadulla como adestrador.

Da súa man, a institución viguesa tomaba parte en todas as modalidades do campionato, logrando subir ao podio en dúas ocasións. Tras acadar un pleno de vitorias na fase de grupos, Ana Nóvoa logrou o pase a semifinais, alzándose co bronce, para subir de novo ao podio xunto con Sofía Álvarez no dobres feminino, despois de lograr tres vitorias na fase de grupos. Nos dobres masculino, a parella formada por Martín e Alfaya caeu derrotada en cuartos de final, mentres que nos dobres mixtos Porto e Álvarez quedaron eliminados na fase de grupos. 

Na competición individual feminina, tanto Porto como Martín, alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, completaron a fase de grupos cun pleno de vitorias, para logo caer en oitavos e cuartos de final, respectivamente. Finalmente, na competición por equipos, na que as universidades compiten entre elas, disputando tres partidos, a UVigo completou a fase de grupos en primeiro posto, para logo superar en cuartos á Universidad de Valladolid. As e os deportistas da UVigo enfrontaríanse a continuación á Universidad Miguel Hernández de Elche polo pase á final, caendo derrotados por 0-2. Con ese mesmo resultado pecharíase un igualado partido polo bronce, fonte á Universidade de Alacante, rematando a UVigo na cuarta posición no torneo por equipos.