Este luns pola noite ilumináronse diferentes edificios de cor azul
A UVigo súmase á campaña que acende a luz da tolerancia fronte ao odio
Con motivo da celebración do Día Europeo das Vítimas de Crimes de Odio
A UVigo sumouse este luns pola noite á campaña A tolerancia apaga o odio 2024 con motivo da celebración do Día Europeo das Vítimas de Crimes de Odio proclamado polo Consello de Europa en recordo das vítimas do crime de odio terrorista de Oslo e Utoya, e á súa vez, de todas as vítimas da intolerancia criminal e os delitos de odio.
A campaña, que vén contando ano tras ano coa implicación de centenares de concellos, universidades, entidades sociais e outros organismos, consiste na iluminación en cor azul de enclaves significativos ou espazos de interese na noite do luns 22 de xullo, unha iniciativa que pretende, de maneira simbólica, acender a luz da tolerancia fronte ao odio e lanzar unha mensaxe de unidade fronte á intolerancia.
No caso da Universidade de Vigo ilumináronse o edificio Redeiras, na cidade de Vigo; a Casa das Campás, en Pontevedra; e o edificio Politécnico, en Ourense, se ben neste caso un problema técnico de última hora motivou que a iluminación se realizase en branco no canto de en azul.