DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun programa de actividades que se desenvolverá os días 19 e 26 de maio en Allariz e Ribadavia

A UVigo súmase á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos

Tomando como modelo as “xeiras” celebradas polos membros desta institución cultural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Visitas
  • Cultura
DUVI Ourense 10/05/2023

Este ano celébrase o centenario da creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución cultural creada por intelectuais galeguistas para estudar e divulgar o patrimonio cultural e lingüístico de Galicia. A Universidade de Vigo súmase a esta conmemoración coa celebración os días 19 e 26 de maio dunhas xornadas, chamadas Xeiras con Historia, en Allariz e Ribadavia.

A cita está coordina pola Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e nela participan a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Losada Diéguez e a Facultade de Historia do campus de Ourense. Ademais conta coa colaboración dos IES Allariz e o IES O Ribeiro, de Ribadavia, e os concellos de Allariz e Ribadavia. “É de recibo unirse a esta conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Foi pioneiro en moitas cousas. En primeiro lugar, e moi especialmente, por centrarse en estudar o patrimonio cultural do país no momento no que o fixo pero tamén polo seu enfoque multidisciplinar, xa que nel había xente que se dedicaba á arqueoloxía, á xeografía, á etnografía, á ciencia, etc. e no xeito de investigar”, lembra Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria e historiadora.

Segundo indican desde a organización das xornadas, a partir do ano 1926 os membros do Seminario de Estudos Galegos crearon un “novidoso e xenuíno” sistema de investigación que denominaron xeiras. “O procedemento era o seguinte: as diferentes seccións do SEG acordaban unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse alí, arredor dunha semana, para traballar directamente sobre o terreo ao mesmo tempo. O obxectivo era aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos, romarías, realizaban análises xeolóxicas, etc”, detallan. O resultado destes estudos eran editados nun volume.

Partindo desta metodoloxía, a proposta das xornadas, comentan desde a súa organización, “é pór en marcha unha experiencia similar con alumnado de Educación Secundaria dos concellos de Allariz e Ribadavia, co obxectivo de transmitir e experimentar esta singular vía de investigación no ámbito da cultura galega, en concreto nas áreas da historia, arqueoloxía, literatura, etnografía e arte”. Con esta idea, o alumnado participante está a realizar un pequeno traballo de recollida de saber de persoas maiores da súa contorna que plasmarán en vídeos curtos que logo amosarán aos seus compañeiros e compañeiras o día da celebración das xornadas.

Dúas xeiras

A primeira xeira terá lugar o 19 de maio en Ribadavia. Alí o alumnado de Allariz será acollido polo alumnado do IES O Ribeiro e exporá os seus traballos. A programación continuará cunha visita ao xacemento de San Cibrao de Las, onde o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, explicará o desenvolvemento das escavacións realizadas por Cuevillas. Tamén haberá unha visita guiada á Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba, Amoeiro, onde o alumnado asistirá a pequenas charlas sobre o papel da SEG en Ourense, a cargo de Julio Prada, decano da Facultade de Historia do campus de Ourense, e o papel neste seminario de Otero Pedrayo, a cargo de Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo.

A segunda das xeiras será o 26 de maio en Allariz. Devolvendo a visita recibida, o alumnado de Ribadavia será acollido polo alumnado do IES Allariz e exporán alí os seus traballos. Ao remate visitarán ao xacemento de Armea, onde o director do proxecto arqueolóxico deste enclave, o investigador do  Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Adolfo Fernández, explicará o desenvolvemento das escavacións e os resultados acadados durante estes anos. Para rematar a actividade haberá unha visita guiada e breve charla sobre o papel de Vicente Risco na SEG por Antonio Blanco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco, e un xantar en Allariz.