DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun programa deseñado de forma participativa por mulleres

A UVigo súmase a Zona Franca para impulsar o liderado feminino nas empresas galegas

A reitora reivindicou a presenza das mulleres nos espazos de decisión das organizacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 29/09/2026

Segundo o último informe ARDAN, o 83% das compañías galegas están lideradas por homes e o índice de igualdade non chega a un nivel minimamente aceptable (472 puntos). O estudo tamén revela que, aínda que só unha de cada dez Empresas Iguais (indicador de xénero do informe)  ten un cadro de persoal paritario e só unha de cada tres conta co mesmo número de directivos que de directivas, as organizacións lideradas por mulleres alcanzan mellores desempeños (547 puntos), cun nivel aceptable na Escala de Igualdade.

Co obxectivo de impulsar o liderado feminino para contribuír a unha maior presenza de mulleres en postos de responsabilidade nas empresas galegas, Zona Franca e a Universidade de Vigo poñerán en marcha nos próximos meses un programa específico cun contido deseñado de forma participativa por mulleres de distintos ámbitos profesionais. Baixo o título Liderado feminino: unha reflexión sobre retos e oportunidades, máis dun centenar de asistentes participaron este martes na primeira das tres xornadas previstas ao abeiro do programa, inauguradas polo delegado de Zona Franca, David Regades, e a reitora da UVigo, Carmen Garcia Mateo, e que contou coa presenza de Krista Walochik, Senior Advisor e ex CEO de Talengo, que sitúa a Galicia ante un cambio acelerado pola intelixencia artificial, a transición enerxética e o reto demográfico. 

As xornadas, coordinadas polas docentes da UVigo Belén Fernández-Feijoo e Teresa Mariño, servirán para sensibilizar e afondar en como se pode avanzar na participación de mulleres con potencial de liderado para que ocupen postos de responsabilidade nas organizacións, co fin último de mellorar a competitividade empresarial a través de identificar e impulsar o talento feminino.

Que as mulleres participen na definición do rumbo

A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, destacou na súa intervención a “consolidada colaboración” que manteñen Zona Franca e a institución académica viguesa a través de accións concretas como a Cátedra ARDAN e que agora se amplía cun novo ámbito de traballo compartido “impulsar o liderado feminino e contribuír a que máis mulleres poidan chegar aos postos nos que se toman decisión nas empresas galegas”. Unha liña de traballo que, asegurou a reitora, encaixa plenamente coa forma na que queren gobernar e na que “a igualdade non quede nun principio abstracto, senón que se traduza en oportunidades, en condicións e tamén en resultados que poidamos avaliar”. Como primeira muller reitora da UVigo, García Mateo lembrou a súa traxectoria profesional en ámbitos con escasa presenza feminina, polo que reivindicou a presenza das mulleres, tamén nos lugares nos que se toman as decisióne. “Non é só unha cuestión de igualdade, é tamén unha cuestión de competitividade, innovación e capacidade das organizacións para afrontar os cambios que veñen”, sinalou García Mateo, que reivindicou a presenza feminina nos espazos nos que se desenvolve a tecnoloxía, se transforma a economía e se deciden que organizacións se queren construír.

Citando o verso do poema Penélope de Xohana Torres: “Existe a maxia e poder ser de todos. A que tanto novelo e tanta historia? Eu tamén navegar”, a reitora asegurou que “hoxe temos que dar un paso máis que conseguir que as mulleres puidesen subir a bordo, conseguir que poidan participar tamén na definición do rumbo e chegar con normalidade aos espazos nos que se decide cara a onde vai unha empresa ou unha organización”. 

A igualdade, un factor de competitividade

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, animou a participar neste proceso de anáise e diálogo previo “para que o programa dea respostas axeitadas ás necesidades que as mulleres detectan cando intentan acceder a postos de responsabilidade”. O delegado do Estado lembrou que “na Zona Franca temos un compromiso pleno coa igualdade e queremos escoitar para definir prioridades e coñecer as vosas propostas”. Regades agradeceu a complicidade da UVigo tamén neste proceso, “que non só é de xustiza, senón de intelixencia porque non podemos perder a metade do talento. A igualdade non é só unha cuestión de equidade, senón tamén un factor de competitividade e de boa xestión. Os avances son evidentes pero temos moita marxe por diante para seguir aumentando a presenza feminina e postos de responsabilidade na empresas”.

Pola súa banda, Krista Walochik, defendeu que “incorporar máis mulleres á dirección é un imperativo ético e tamén de competitividade”, e abordou onde se perde o talento feminino, do “chan pegañento ao teito de cristal”, os nesgos na selección de directivos, incluídos os que pode automatizar a IA, e os argumentos de competitividade para a empresa familiar galega.