Os sete docentes permitirán completar a descentralización total da práctica no 5º e 6º curso
UVigo e UDC terán profesorado asociado de Ciencias da Saúde o próximo curso para avanzar na descentralización de Medicina
Na comisión de seguimento tamén se aprobou o regulamento das unidades docentes
As universidades de Vigo e A Coruña terán profesores asociados de Ciencias da Saúde (PACS) propios o vindeiro curso, concretamente sete, catro na UDC e tres na UVigo, que se incorporarán para facilitar que a descentralización completa da docencia práctica do Grao en Medicina da USC sexa efectiva no curso 2026/2027. Así se acordou na Comisión de Seguimento do Acordo de descentralización do Grao en Medicina, na que participaron os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así como a reitora da USC, Rosa Crujeiras, e os reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Ricardo Cao.
As universidades de Vigo e A Coruña serán as responsables de convocar as prazas deste profesorado asociado de Ciencias da Saúde e incorporalo ao seu cadro de persoal, unhas prazas que se inclluirán no concerto único do Sergas coas universidades. Con esta incorporación, o vindeiro curso estarán completamente descentralizadas nas tres universidades e nos sete hospitais a docencia práctica clínica de 6º de Medicina, que xa o está neste momento, grazas ao acordo asinado no 2015, e de 5º de Medicina, que ata agora só o estaba de xeito parcial.
Unidades docentes
A Comisión tamén aprobou o regulamento das unidades docentes que se ocuparán de materializar de xeito progresivo a descentralización. O regulamento establece cuestións como os criterios de distribución do alumnado no caso de existir máis demanda que prazas, primando entre estes o domicilio familiar, circunstancias como enfermidade grave, discapacidade, conciliación familiar, vitimas de acoso... e a nota media do expediente académico. Así mesmo, determina a composición e organización das unidades docentes, así como as súas concretas funcións para o correcto desenvolvemento da docencia do grao.
Tal e como se estableceu no acordo asinado, as unidades vencelladas á UVigo e á UDC acollerán, cada unha delas, arredor dun 25% do alumnado matriculado no Grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, e que así decida de xeito voluntario, así como ao profesorado que imparta a docencia. Ademais, o 50% das novas contratacións de profesores adscribirase á UVigo e á UDC.
Próximos pasos
A Comisión de Seguimento analizou, ademais, os próximos pasos no proceso, que inclúen a reverificación do Grao en Medicina para poder incorporar todos os cambios na docencia e que estes teñan validez e todas as garantías para o alumnado. Con todo, a Comisión mantivo como prazo final para completar a descentralización total da docencia, teórica e práctica, o curso 2028/2029.
Na actualidade, o Grao en Medicina está a impartirse a través de dous plans de estudos, un deles en extinción e, polo tanto, non pode modificarse, mentres que o outro está en implantación, impartíndose neste ano en 1º e 2º curso do grao. Este novo plan debe someterse a reverificación para establecer todos os cambios que esixe a descentralización. Por exemplo, o título actual contempla a docencia teórica só de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, aspecto que cómpre modificar ampliándoa ás novas unidades docentes de Vigo e A Coruña. Así mesmo, a memoria de reverificación da titulación deberá incorporar os cambios derivados da aplicación do convenio.
Unha vez completada a documentación, debe someterse ao visto e prace da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug). Para axilizar o proceso, desde a Xunta impulsarase unha reunión técnica cos técnicos da Axencia co fin de aclarar as dúbidas e establecer os prazos máis axustados.
