DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actos nos tres campus que arrancaron este luns en Ourense

A UVigo únese á celebración dos Erasmus Days 2025

Neles a comunidade universitaria pode informarse das opcións que ten de mobilidade internacional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 13/10/2025

Do 13 ao 18 de outubro, a Comisión Europea celebra os Erasmus Days 2025, unha cita que quere pór en valor este programa de mobilidade internacional e que permite aos diferentes colectivos que forman parte da comunidade universitaria e á cidadanía en xeral coñecer as súas características e beneficios. Un ano máis, a Universidade de Vigo únese a esta conmemoración cun programa de actos nos seus tres campus, actos que arrancaron este luns en Ourense. 

Información para os diferentes colectivos e sobre os diferentes programas

Aínda que con adaptacións en cada un dos tres campus, a programación posta en marcha pola Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo articúlase arredor de varias sesións, cada unha delas centrada en diferentes aspectos do programa Erasmus ou doutros programas de mobilidade internacional. Nelas, a ORI presenta as oportunidades do programa Erasmus+ para estudantes de grao, mestrado e doutoramento; as oportunidades da Universidade Europea Athena+ para o estudantado e as oportunidades de mobilidade fóra da Unión Europea (Erasmus+ KA171, KA131 e bolsas propias), coa participación de universidades socias.

As sesións poden seguirse a través do Campus Remoto da UVigo. Ademais, a programación en cada campus complétase cunha mesa informativa sobre as opcións de mobilidade para estudantado, persoal docente e investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da UVigo. Nela as persoas interesadas tamén poden conversar con estudantado estranxeiro de intercambio e con membros de CEUVI e da ESN. Con estas accións, desde a ORI sinalan que se busca promover a participación da comunidade universitaria en programas de mobilidade internacional, tendo en conta de xeito especial que no vindeiro mes de novembro está previsto que saian as convocatorias para o alumnado. 

Tras arrancar hoxe en Ourense, no campus de Pontevedra a actividade desenvolverase o martes 14 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a partir das 11:00 h. No campus de Vigo será o mércores 15, tamén a partir das 11.00 h, na Facultade de Filoloxía e Tradución, e o xoves 16 na Facultade de Bioloxía, arrancando á mesma hora. Completando esta programación, o venres 17, na sala 1 do edificio Miralles do campus de Vigo e a través do Campus Remoto haberá unha sesión destinada especialmente ao persoal docente e investigador e ao PTXAS. 

Un evento internacional

Os Erasmus Days son unha celebración internacional do programa Erasmus+. Durante seis días, “persoas de todo o mundo están convidadas a reunirse e a organizar ou participar en eventos que celebran os proxectos e oportunidades que ofrece Erasmus+”. Este ano, o seu lema é Vivamos os nosos valores, inspiremos o noso futuro. “Os seis valores da UE expresan un ideal común baseado no respecto á dignidade humana, a liberdade, a democracia, a igualdade, o estado de dereito e os dereitos humanos. Estes valores son comúns aos países da UE nunha sociedade onde prevalecen a inclusión, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a non discriminación”, sinalan desde a organización. Neste contexto estes Erasmus Day 2025 convidan á cidadanía “a celebrar o espírito de Erasmus+, fomentar a colaboración e acoller a diversidade”.