DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita foi inaugurada este xoves coa participación de Manuel Reigosa

A UVigo únese á Mobile Week Ourense 2022 para fomentar a inclusión dixital

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus acollerá varias da súas actividades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 15/09/2022

Este xoves arrancou a celebración da Mobile Week Ourense 2022, cita impulsada pola Deputación de Ourense e Mobile World Capital Barcelona e apoiada entre outras institucións pola Universidade de Vigo. Desde hoxe e ata o 18 de setembro, desenvolverase unha intensa programación enfocada a xerar interese pola tecnoloxía e evitar o risco de exclusión dixital que terá entre os seus escenarios a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

Aposta pola tecnoloxía e a intelixencia artificial

Na súa inauguración, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, como parte do comité que lanzou esta Mobile Week Ourense 2022, destacou que a UVigo ten a vocación e a obriga de “estar implicada en todo aquelo que supoña un avance para a provincia, un avance para a cidadanía”. O responsable académico lembrou que este curso académico botou a andar no campus de Ourense o grao e o mestrado en Intelixencia Artificial e apuntou a súa convicción de que “en breve teremos unha oferta máis completa no tecnolóxico”. Apuntando como a provincia de Ourense ten por diante “retos moi importantes” como o despoboamento e a dixitalización do rural e recalcando que “temos un potencial importantísimo”, Reigosa expresou “a disposición plena da Universidade de Vigo a través do seu campus de Ourense” para afrontar estes retos. Sobre a candidatura da cidade para albergar a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, o reitor dixo que “desde logo temos todas as capacidades. Loitaremos para ser unha candidatura que sexa ben recollida e se é a seleccionada por Galicia agardo que contemos co apoio de toda Galicia”. Traballando arreo, traballando xuntos, recalcou, “somos máis fortes”.

Pola súa banda, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, subliñou que a Mobile Week Ourense chega á súa segunda edición sendo a única provincia de España na que se celebra e pondo en valor que se trata dun evento “innovador” no que se “marca tendencia”. Destacando a “axenda intensísima” desta edición, o responsable provincial apuntou que “o obxectivo é achegar a tecnoloxía á veciñanza da man de expertos”. Tamén se referiu na súa intervención á candidatura de Ourense para ser sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, recalcando que “son moitos os motivos” que converten a Ourense “no sitio ideal” para ela, entre eles "factores diferenciais competitivos" como a conexión de alta velocidade. Por este motivo indicou que o órgano provincial loitará por acolle esta axencia xunto ao Concello de Ourense e a Universidade de Vigo. “Cooperando somos máis, cooperando somos mellores”, afirmou Baltar. Na mesma liña e subliñando que Ourense é “unha potencia tecnolóxica”, Fernando Suárez, director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense e tamén presidente do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática de España, amosou seu desexo de que a aposta da provincia pola intelixencia artificial, coa chegada este curso académico do grao e o mestrado neste eido, “se consolide coa consecución para esta provincia e para esta cidade da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial”. Por último, sobre a Mobile Week Ourense 2022, Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia, subliñou que son máis de 40 as actividades que se celebrarán en diferentes lugares da provincia e para públicos de diferentes idades no obxectivo de “rachar a fenda e o medo ás novas tecnoloxías”.

Programación no campus

A programación da Mobile Week Ourense 2022 celebrarase en diferentes puntos da provincia de Ourense entre os días 15 e 18 de setembro. No campus de Ourense, na súa Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), arranca este venres 16 coa celebración, ás 11.00 horas no salón de actos do edificio Politécnico da conferencia Intelixencia artificial, a administración pública e o seu efecto sobre os cidadáns. Será ofrecida por Albert Mayol, head of Data Driven Transformation para Europa de NTT DATA. O acto é aberto ás persoas interesadas e está dirixido a un público non profesional. O domingo 18 a ESEI acollerá o Family Day, no que haberá actividades pensadas para público infantil e as súas familias. 45 nenas e nenos de 7 a 12 anos, divididos en pequenos grupos, participarán na Hora do Código, onde terán a oportunidade de achegarse dun xeito lúdico e didáctico ao mundo do deseño e impresión 3D, á programación en Minecraft Education Edition e a retos robóticos. Tamén participarán nun Taller DigiCraft da Fundación Vodafone e coñecerán os hologramas coa tableta. DigiCraft é un programa didáctico que ensina competencias dixitais a nenas e nenos a través do xogo e a experimentación. Concretamente, neste taller as e os participantes construirán o seu propio visor de hologramas con forma de pirámide e utilizarano para visualizar vídeos en 3D desde unha tableta ou teléfono intelixente.

O Family Day tamén incluirá unha sesión de contacontos titulada Ciberseguridade con Sofía. “Con este conto ilustrado, nenas e nenos poderán acompañar a Sofía na resolución das súas inquedanzas para gozar da informática e da rede dun xeito seguro e identificar os perigos e riscos que poden darse nesta contorna dixital”, sinalan desde a organización. A través desta historia, engaden, “compártense cos máis pequenos e pequenas consellos e recomendacións básicas para un uso responsable da identidade en Internet, a publicación de imaxes en redes sociais, a xestión de contrasinais ou a identificación de noticias falsas; ao tempo que se difunden valores esenciais de comportamento no ciberespazo: sentido común, respecto e empatía”. Paralelamente, haberá actividades para pais e nais e educadoras e educadores. Elas e eles poderán asistir á presentación do estudo Impacto da tecnoloxía na adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, a cargo de Belén Andrade, especialista en dereitos dixitais da infancia e campañas de sensibilización. Tamén haberá unha intervención sobre o uso educativo dos videoxogos, a cargo de Luz Castro, presidenta da asociación galega de videoxogos e contidos interactivos (videoxogo.gal) e vicepresidenta da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. Outra das conferencias, titulada Como evitar que o meu fillo me arruíne na tenda de videoxogos?, centrarase na adicción e os videoxogos e será ofrecida por José Luis Montiel, licenciado en Medicina e responsable médico do CAPD Sarria. Por último, Marta Montagut, doutora en Comunicación, impartirá a formación Educar aos nos@s fill@s contra as fake news.