DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

UVigo e USC realizan a primeira avaliación a grande escala da motricidade dos nenos e nenas de primaria 

Trátase do primeiro estudo deste tipo que se leva a cabo en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/05/2023

Despois de deseñar unha aplicación, Alfamov, que permite avaliar o grao de adquisición das habilidades motrices básicas en nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, investigadores das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela (USC) empregarán esta ferramenta para realizar a primeira avaliación a grande escala da motricidade do alumnado de primaria que se leva a cabo en España. Este é un dos principais obxectivos do proxecto de investigación Establecemiento de estándares de competencia motriz en educación primaria a través de Alfamov. Camino a la adquisición de estilos de vida saludables, que coordinan o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey e o docente da USC Cristian Abelairas. Financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o proxecto prevé a realización de avaliacións a varios centos de escolares galegos, co propósito, explica Rey, de coñecer o seu grao de adquisición dunha serie de habilidades, como correr, saltar, agarrar ou lanzar, que resultan determinantes para o fomento de “estilos de vida activos”. A partir dos resultados obtidos, o proxecto buscará tamén “establecer estándares de adquisición da competencia motriz”, de tal xeito que poida coñecerse que escolares se sitúan por debaixo da media no grao de desenvolvemento correspondente a cada franxa de idade. 

Valéndose da app que desenvolveron nun proxecto previo, coordinado tamén por Rey e Abelairas e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, "o que pretendemos neste segundo proxecto é realizar unha avaliación a grande escala da poboación escolar galega, que será a primeira que se realice a nivel nacional”, recoñece Rey, membro do grupo de investigación Remoss. De feito, o propósito dunha investigación que se estenderá ata 2025 é tratar de superar o milleiro de avaliacións, sinala Abelairas, que incide en que outro dos piares do proxecto será o de “contribuír á formación do profesorado en activo” na avaliación da competencia motriz. 

A investigación pon o foco nun “problema social”

Para iso, o proxecto reúne un “equipo interdisciplinar”, integrado polas investigadoras da facultade pontevedresa Cristina Varela e Marián Fernández Villarino e polos investigadores da USC Antonio Rodríguez Núñez, José Eugenio Rodríguez, Javier Rico e Aida Carballo. A estes súmase a colaboración de expertas e expertos das universidades da Coruña, Valencia e Federal do Río Grande do Sul do Brasil, así como do Instituto Politécnico de Viana do Castelo. O proxecto conta tamén co aval das consellerías de Educación e de Sanidade e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, así como da Asociación Española de Pediatría, o que referenda, como apunta Varela, que pon o foco nun aspecto “que o ámbito educativo e o sanitario detectan como un problema social”. 

Como recolle a súa memoria, as habilidades motrices “son unha serie de movementos básicos organizados que implican a combinación dos patróns de movemento de dúas ou máis partes do corpo” e que “constitúen a base das habilidades específicas, necesarias para a práctica das distintas modalidades deportivas”. Estruturadas en tres grupos, relativos ao desprazamento polo espazo, ao control de obxectos móbiles e ao equilibrio, a educación primaria “é a etapa de ouro para o seu desenvolvemento”, sinala Rey, que subliña que a súa “correcta adquisición na infancia transcende máis aló do deporte”. Como lembra o investigador do grupo Remoss, “un dos piares dentro dos estilos de vida activos é ensinar aos nenos a moverse mellor”, porque isto vai contribuír á súa vez a que estes sexan “máis proactivos” á hora de realizar actividades físicas. Pola contra, aqueles e aquelas que “se perciben menos competentes que os seus iguais, poden decidir non tomar parte nese xogo”, fomentándose deste xeito unha inactividade física “que ten consecuencias que perduran na idade adulta”.

Unha radiografía da poboación escolar galega 

Alfamov permite observar o grao de desenvolvemento de 22 habilidades motrices básicas e é a base das avaliacións que se levan a cabo en colexios de diferentes puntos de Galicia, o que á súa vez axudará “a testala nun contexto real e implantar melloras”, sinalan. “A idea é que haxa diferentes perfís de centros, tanto rurais como urbanos”, recoñece Rey, que explica que o obxectivo é non só estudar “como evolucionan coa idade” estas habilidades, senón tamén posibles diferencias por xénero, xa que estudos previos sinalan “que algunhas habilidades son máis precozmente desenvolvidas nos nenos, por cuestións estritamente sociais, pola maior práctica de determinados xogos ou deportes”. Deste xeito, o proxecto permitirá “poder ter unha radiografía de como se desenvolven a nivel motriz os escolares en Galicia”.

A partir das avaliacións, o proxecto buscará definir os “estándares de adquisición” destas habilidades, a través da definición duns percentís que permitan situar o grao de adquisición dunha habilidade por riba ou por debaixo da media do seu grupo de idade. Nese senso, constatar que un neno ou nena se atopa por debaixo do percentil 25 no referido ao desenvolvemento do lanzamento ou da carreira, por exemplo, axudaría a unha intervención temperá. De aí que, como sinala Rey, “entendemos que é unha ferramenta que servirá aos docentes, pero que tamén pode ter unha transferencia cara os axentes sociosanitarios”. 

Formar o profesorado

Nos últimos anos, diferentes artigos puxeron o foco nas dificultades que implica a avaliación das habilidades motrices en educación primaria e na necesidade dunha maior formación neste ámbito por parte do profesorado, así como de ferramentas que faciliten o seu labor. De aí que a parte didáctica sexa tamén “un punto importante do proxecto”, como resalta Abelairas, tamén investigador de Remoss, ademais de integrante do grupo Clinursid da USC. “A idea sería organizar cursos e unhas xornadas de difusión de resultados e de formación, dirixidas sobre todo ao profesorado de primaria”, sinala dun proxecto que parte tamén “das demandas do profesorado en canto á súa escasa formación no desenvolvemento das habilidades motrices e avaliación da competencia motriz”.