Manuel Reigosa e Nicolás Esmorís asinaron hoxe o convenio de colaboración
UVigo e Veolia crean a Cátedra Convive coa vocación de impulsar un cambio de paradigma na contratación pública
Orientándoa cara a modelos máis transparentes e aliñados coa Axenda 2030 e os ODS
“A Cátedra Convive é unha iniciativa da Universidade de Vigo e Veolia que aspira a situarse como referente en España no estudo e a mellora da compra pública responsable, que nace coa vocación de impulsar un cambio de paradigma na contratación pública, orientándoa cara modelos máis eficientes, transparentes e aliñados cos grandes retos globais, especialmente os vinculados á Axenda 2030 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)”. Esta é a descrición que da orixe e dos obxectivos da Cátedra Convive realiza a súa directora, a catedrática do Departamento de Dereito Público da UVigo Patricia Valcárcel, que destaca a importancia da colaboración da Universidade con Veolia, “multinacional francesa líder mundial da transformación ecolóxica; na xestión integral do ciclo da auga; a enerxía e os residuos e cunha dilatadísima traxectoria na prestación de servizos públicos esenciais”.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o director executivo de Veolia Auga Galicia, Nicolás Esmorís, foron os encargados de asinar este mediodía o convenio de colaboración para a creación da Cátedra Convive, que Esmorís considera “un punto de partida para continuar colaborando nos retos maiúsculos que ten a contratación pública, que pesa un 10% do PIB nacional, e con todas as problemáticas que temos hoxe en día, como controversias con diversos tribunais contractuais, e sobre todo con novas regulamentacións xerais”. O director executivo de Veolia Auga Galicia destacou as actividades que se van desenvolver ao abeiro da Cátedra co obxectivo de “dar coñecemento e divulgación no eido xurídico que é moi importante, porque ás veces costa chegar á xente e que nos entenda e sobre todo no referido ás problemáticas que xorden no día a día da contratación pública”.
Pola súa banda, para o reitor da UVigo,“sempre é un ledicia tender lazos entre a sociedade civil e a institución académica. Poucas veces se asina un acordo que teña tan claramente establecidas as liñas de actuación, que son moi positivas”, destacou Reigosa, para quen nunha contorna normativa complexa como a actual “estamos en boas mans coa tranquilidade que dá ter grupo de investigación tan potente como o de Patricia Valcárcel”.
Desenvolvemento de solucións innovadoras
Concibida como un espazo estable de colaboración entre o ámbito académico e o tecido empresarial, a actividade da Cátedra Convive “centrarase no desenvolvemento de solucións innovadoras que permitan integrar criterios sociais, ambientais e tecnolóxicos nos procesos de contratación pública, con especial atención a sectores estratéxicos como a xestión da auga, os residuos e a enerxía”, destaca Patricia Valcárcel, que tamén confirma que se abordarán desafíos emerxentes como a aplicación da IA na contratación ou a promoción de modelos de compra pública de innovación.
A Cátedra Convive, que conta cos recursos económicos imprescindibles para levar a cabo as actuacións previstas, sitúa entre os seus obxectivos principais a xeración de coñecemento aplicado, a mellora de procedementos administrativos, a profesionalización dos operadores implicados e a creación dun ecosistema de colaboración que sexa quen de conectar universidade, empresa e institucións públicas. “Todo isto co propósito de contribuír a unha contratación pública que non só sexa máis eficaz, senón tamén motor de desenvolvemento sostible, innovación e valor compartido no territorio”, resume a directora da Cátedra.
Múltiples actividades e beneficiarios
Cun equipo integrado por especialistas entre os que destacan os docentes da UVigo Rafael Fernández Acevedo, Juan Antonio Hernández Corchete, Santiago Salvador Gimeno e Teresa Roa Martínez, dirixido por Patricia Valcárcel, a Cátedra desenvolverá actividades que inclúen programas de formación e especialización, organización de congresos, seminarios e foros de debate, publicación de estudos científicos e divulgativos, así como iniciativas orientadas á captación de talento, como premios a traballos académicos ou impulso de teses de doutoramento. “Así mesmo, promoveranse espazos de intercambio entre profesionais, administracións e empresas, fomentando redes de colaboración e a análise de boas prácticas”, detalla Valcárcel.
En canto aos beneficiarios das accións promovidas pola Cátedra Convive, a súa directora sinala que serán múltiples: desde as administracións públicas, que poderán mellorar os seus procesos e capacidades, ata as empresas, que atoparán unha contorna máis transparente e innovadora para desenvolver a súa actividade. “Pola súa banda, a comunidade universitaria beneficiarase de novas oportunidades de formación práctica e especialización, mentres que a sociedade no seu conxunto verá reforzada calidade, integridade e sostenibilidade do servizos públicos”, explica Patricia Valcárcel.
