DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras moitos anos sen acadar éxitos salientables nesta disciplina

A UVigo volve sumar unha medalla no Campionato de España Universitario de Karate

César Tavares, estudante de ADE, obtivo o bronce na categoría de -75kg

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI 06/05/2024

Tras moitos anos de seca, a Universidade de Vigo obtivo esta fin de semana, por fin, un importante éxito no Campionato de España Universitario de Karate. E foi grazas a César Tavares, estudante do Grao en Administración e Dirección de Empresas, que acadou unha medalla de bronce que devolve a ilusión á institución viguesa. 

A competición celebrouse en Albacete, organizada pola Universidade de Castela a Mancha, e comprendeu dez categorías nas que se mediron arredor de 200 inscritos e inscritas. A medalla para a UVigo chegou na de -75Kg, unha categoría que xa a priori semellaba que ía ser unha das máis competidas, pola cantidade de deportistas (25) e o altísimo nivel de moitos deles, similar ao dun Campionato de España Absoluto. César Tavares foi avanzando na competición, gañando combates e amosando un estado de forma incrible, ata chegar ás semifinais, nas que se mediu con Antonio Torres, da Universidad Carlos III de Madrid, que lle cortou o pase á final, nun axustadísimo combate. O deportista madrileño finalmente acabou proclamándose campión da competición, ao vencer na final ao compostelán Adrián Barcia.

A expedición viguesa completouse con Jorge Santos, estudante de Enxeñaría Informática, que participaba por primeira vez nun campionato de España universitario. Amosou moi boas táboas e gañou o seu primeiro combate na categoría de -84Kg, pero no segundo foi apeado da competición.