DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio entre o reitor Manuel Reigosa e a conselleira Ángeles Vázquez 

UVigo e Xunta alíanse na procura dunha mellor calidade das augas dos encoros

O estudo, dirixido pola catedrática Isabel Pardo, realizarase en Portodemouros, Caldas e Forcadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 11/03/2025

“Hai un grave problema nos encoros galegos e en moitos encoros de España de eutrofización por cianobacterias, por mor das cargas de nutrientes”, asegura Isabel Pardo Gamundi, catedrática e directora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo. Pardo dirixirá un proxecto no que, xunto a outros investigadores da institución académica viguesa, se avaliarán e modelarán as cargas de nutrientes aos ríos que se derivan da actividade agrícola-forestal e de verteduras orgánicas, ademais de estudarse a resposta a estas cargas nos encoros de Portodemouros, Caldas de Reis e Forcadas. Coa finalidade de reducir a carga de nutrientes, porase ademais a punto unha metodoloxía, que, unha vez automatizada, se poida facer extensiva a todo o territorio galego dun xeito efectivo.

A sinatura dun convenio entre o reitor da UVigo, Manuel Reigosa e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, esta mañá, fará posible a posta en marcha deste proxecto que conta dun orzamento superior aos 400.000 euros e sobre o que o reitor manifestou a súa satisfacción porque permitirá “que as cousas que xorden dos laboratorios e dos grupos de investigación teñan unha utilidade práctica para a cidadanía” a través dun plan piloto que permitirá mellorar a situación do encoros galegos.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou que este proxecto “suporá afondar cunha metodoloxía concreta ao longo de 2025 e parte de 2026 e a partir de aí, e dos estudos que saian, dar solucións con distintos métodos. A augas son testemuña de todas as actividades que hai arredor dos encoros, que actúan de filtros, porque reciben as augas dos nosos ríos”. Vázquez, que confirmou a presenza de cianobacterias nos encoros da contorna de Vigo, reiterou que a administración debe dar uns pasos que cómpre que emanen do coñecemento, “temos que ir dando solucións, a parte dos controis que están perfectamente lexislados, logo hai que seguir afondando e dar solucións para o que se crea un grupo de traballo entre a UVigo e Augas de Galicia para detectar o problema, afondar nel, ter novas metodoloxías e implementar outros métodos que redunden no beneficio das augas”. Sobre unha posible ampliación do embalse de Eiras, a conselleira asegurou que o que debe facer a administración “é acertar”, para o que se está traballar en relación con cambio climático, tanto nas illas de calor nos refuxios climáticos, como para amortecer os efectos dunha enchente. “Si algo temos que garantir é o abastecemento da cidadanía da man das administracións locais”, asegurou Vázquez.

Asegurar o cumprimento da Directiva Marco da Auga

O Proxecto para o estudo e desenvolvemento dunha metodoloxía para a modelización do efecto na calidade da auga das distintas presións existentes nas bacías dos encoros de Portodemouros, Caldas de Reis e Forcadas, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia" será realizado por investigadoras e investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo, que dirixe a catedrática Isabel Pardo Gamundi, que destaca a importancia de obter información que permitirá “identificar o risco de non cumprir os obxectivos ambientais da Directiva Marco da Auga, así como testar e propor accións de restauración con tecnoloxías innovadoras e outras baseadas na natureza, para a redución do efecto nocivo dos nutrientes”. O coñecemento obtido nos tres estudos piloto que se realizarán nos encoros de Caldas, Portodemouros e Forcadas, permitirá desenvolver unha estratexia para reducir a entrada de nutrientes nos encoros da Demarcación Hidrográfica de  Galicia Costa e establecer directrices para abordar esta problemática. 

“Cómpre coñecer baixo que condicións a paisaxe a nivel de bacía, estado de ribeiras e condicións específicas do leito fluvial hai risco ambiental ou non, xa que os ríos teñen unha capacidade natural de autodepuración e hai que poder identificar cando esta se excede e xéranse impactos sobre o estado ecolóxico”, detalla a directora do departamento, que tamén explica que é preciso modelar a dinámica de achegas de nutrientes por verteduras orgánicas puntuais e identificar aqueles que precisan de accións correctoras debido a súa magnitude e/ou frecuencia sobre os ecosistemas acuáticos.

Traballos anteriores na bacía do Verdugo-Oitavén

Entre os anos 2022 e 2023 Isabel Pardo dirixiu a análise piloto do efecto da presión agroforestal sobre o ecosistema ribeira-río na bacía do Verdugo-Oitavén e concas das rías de Vigo e Baiona. Así mesmo, tamén se iniciaron traballos similares na bacía alta do río Umia que alimenta o encoro de Caldas durante o pasado verán, traballo que se continuará no propio encoro co convenio asinado hoxe. Xunto a Isabel Pardo tamén participarán no estudo que agora se pon en marcha os investigadores Jesús Torres Palenzuela, do Departamento de Física aplicada e Cristina Delgado Núñez do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.