DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura este martes dun convenio de colaboración

UVigo, Xunta e Concello de Ourense elaborarán un proxecto piloto de refuxios climáticos na cidade

Identificaranse os lugares mais idóneos para a súa ubicación tendo en conta a biodiversidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 17/06/2025

A Universidade de Vigo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense asinaron este martes un convenio de colaboración para a elaboración dun proxecto piloto de refuxios climáticos para a biodiversidade na cidade de Ourense. 

A sinatura tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial ourensá, contando coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, e Gonzalo Jácome, alcalde de Ourense. Tamén asistiron Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, e Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. Na súa intervención, o reitor subliñou que “o cambio climático é unha realidade que está aquí e temos que prepararnos” polo que destacou que “para nós é unha enorme satisfacción a sinatura deste convenio”. A iniciativa, indicou Manuel Reigosa, forma parte do “círculo virtuoso de colaboración entre a administración e universidade, que vai a permitir que o coñecemento que temos na universidade serva para que a cidadanía teña un beneficio”. 

Pola súa banda, a conselleira salientou que o proxecto que se acometerá “vai a supor ter un mapa real daqueles puntos máis quentes dentro da cidade” e vai “procurar dar solucións para ter eses refuxios climáticos, que non é outra cousa máis que ter sombra e ter máis fresco para facerlle a vida máis doada aos ourensáns, sobre todo no verán pero tamén temos que pensar en refuxios climáticos para o inverno”. Lembrando que durante os meses de xullo e agosto, a media de temperatura en Ourense está en 30 graos, Ángeles Vázquez indicou que “non podía ser outra cidade máis que a de Ourense pola que tiñamos que comezar a desenvolver este estudo”. Por último, Gonzalo Jácome dixo que a abordaxe desta problemática constitúe “un tema realmente moi complicado” e indicou que o proxecto asinado “vai a ser un estudo aparentemente moi profesional e de moita envergadura e esperemos que logo a Xunta de Galicia acometa nos próximos anos todos os requirimentos que sexan posibles para amainar un pouco este problema”. 

Tres obxectivos e tres fases 

O convenio prolongarase ata 31 de decembro de 2025 e para o desenvolvemento das actuacións previstas, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático achegará á Universidade de Vigo a cantidade de  110.000 euros. Pedro Orgeira, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Aerospace Technology Research Group (ATRG)-atlanTTic da UVigo, será o responsable do proxecto. Os obxectivos do convenio son tres. O primeiro é a identificación das illas de calor, entendidas como as localizacións onde as temperaturas sexan extremadamente altas, ou inusualmente altas no concello ourensán. Trátase de lugares onde, ante fenómenos meteorolóxicos adversos de altas temperaturas, sofren de temperaturas extremas e que deberan ser evitadas co fin de non sufrir as habituais consecuencias da calor extrema (golpes de calor, deshidratación), especialmente no caso de grupos de poboación sensibles (persoas maiores, pequenos de curta idade, etc.).

O segundo obxectivo é a identificación das medidas necesarias para desenvolver refuxios climáticos para a biodiversidade, entendidos como territorios cunha relativa estabilidade climática (condicións ambientais favorables) que permite que moitas especies atopen as condicións requiridas para a súa supervivencia. Considéranse dúas tipoloxías: os refuxios climáticos de retención (manteñen in situ unhas condicións benignas, que permiten a persistencia de moitas especies nativas) e refuxios climáticos de deslocalización (estes espazos convértense en receptores de especies inmigrantes que non atopan condicións para a persistencia in situ nos lugares que orixinalmente habitaban). O terceiro obxectivo do convenio é a proposta e identificación dos lugares mais idóneos para os refuxios climáticos para a biodiversidade no concello de Ourense como proxecto piloto.

Para o cumprimento destes obxectivos o convenio desenvolverase en tres fases. A primeira será o deseño, montaxe e proba dun dispositivo portable de captura de variables atmosféricas (temperatura e humidade relativa), con capacidade de xeolocalización, que poida facer un mapa detallado dun concello en termos de confort ante fenómenos climatolóxicos de altas temperaturas. A segunda fase será o estudo e deseño dun proxecto piloto no concello de Ourense localizando illas de calor, propoñendo unha lista de zona declaradas como potenciais refuxios climáticos e filtrando aqueles que sexan compatibles coa preservación da biodiversidade (flora e fauna). A estes efectos aplicarase a metodoloxía e o dispositivo portable de captura de variables atmosféricas (temperatura e humidade relativa). Por último, acometerase a validación da metodoloxía e do dispositivo portable de captura, a través do proxecto piloto na cidade de Ourense e o estudo da replicabilidade noutros concellos de Galicia.