DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consorcio patrocina un ano máis o proxecto de incubación nas súas diferentes fases

UVigo e Zona Franca renovan a súa alianza para favorecer o emprendemento a través do programa Incuvi e o servizo Sucede

O delegado reuniuse coa vicerreitora de Estudantado e a directora da Área de Emprego

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 19/01/2026

A Universidade de Vigo e a Zona Franca de Vigo reforzan a súa colaboración para impulsar o emprendemento no eido universitario. O delegado especial do Estado, David Regades, reuniuse nos últimos días con Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade e con Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, para renovar o seu compromiso co desenvolvemento do espírito emprendedor entre a comunidade universitaria. 

A colaboración entre ambas entidades concrétase en dúas propostas. Por unha banda, Zona Franca de Vigo continuará patrocinando o programa de preincubación Incuvi, nas súas tres etapas: Emprende, Avanza e Consolida. Ademais, Zona Franca tamén se implica no servizo Sucede, que apoia e asesora as iniciativas de negocio promovidas polo estudantado e polo colectivo alumni que non se beneficien do programa Incuvi.

Tras la reunión con Natalia Caparrini e Maruxa Álvarez, o delegado da Zona Franca, David Regades, subliñou a relevancia destas iniciativas cun socio estratéxico para o Consorcio como é a UVigo, para “trasladar todo ese talento e coñecemento, así como eses posibles proxectos empresariais á sociedade, dinamizando a economía galega”. Regades reafirmou o carácter de socio fundamental que xoga a Universidade de Vigo en moitos dos grandes proxectos máis transformadores do Consorcio. “Sempre insistimos no seu papel referente na dinamización da economía en Galicia e, no caso do emprendemento, a súa capacidade para detectar e valorar o potencial e a viabilidade real das iniciativas do estudantado poñéndoos na pista de saída para acceder a ferramentas e instrumentos necesarios”. 

Programa Incuvi e servizo Sucede

Como en anos anteriores, en 2026 Zona Franca seguirá apoiando o programa Incuvi en todas as súas fases. No que se refire á primeira etapa, de preincubación, Incuvi-Emprende, que este ano celebra a súa 14ª edición, co aluguer do Espazo Incuvi para a formación e mentoría dos emprendedores e emprendedoras durante un período de sete meses. 

Ademais, o programa comprende a iniciativa Incuvi-Avanza, que chega á súa décima edición, deseñada para facilitar a consolidación dos proxectos máis viables que pasan pola preincubadora, con subvención de custes da constitución das empresas e un espazo de traballo durante oito meses. Por último, a fase de maduración, Incuvi-Consolida, acada a sexta edición co obxectivo de beneficiar un dos proxectos emprendedores con mentorización e unha achega económica. 

Ademais, Zona Franca tamén se implica no servizo Sucede, posto en marcha en 2021 para prestar apoio a outras iniciativas de negocio promovidas polo alumnado ou o colectivo alumni que, se ben non forman parte do programa Incuvi, poderían chegar a presentarse a esta convocatoria de axudas.