DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar do 25 ao 27 de setembro en Expourense e no campus

O V Congreso Internacional da Auga dedicará especial atención á xestión empresarial e turística dos recursos hídricos

Nel presentaranse arredor de 40 traballos multidisciplinares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 10/09/2024

Ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga, dedicando especial atención á xestión empresarial e turística de recursos hídricos como os termais. Con este obxectivo a Universidade de Vigo celebrará do 25 ao 27 de setembro o V Congreso Internacional da Auga, que nesta ocasión leva por título A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar.

A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Cada edición, a organización do congreso rota entre as diferentes facultades e escolas deste campus. Así, nesta ocasión está organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e conta coa colaboración de Expourense e o apoio da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. A programación desenvolverase os días 26 e 27 na citada facultade. Previamente, o día 25 pola tarde, as e os seus participantes incorporaranse á celebración da feira Termatalia en Expourense.

O evento foi presentado este martes no Edificio de Ferro universitario. No acto, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que a acreditación do Campus Auga trouxo consigo financiamento para actividades coma este congreso. Deste evento destacou que permite “dar visibilidade ao Campus Auga” e afondar en temáticas estratéxicas para el e para a provincia como a xestión termal. Pola súa banda, Rogelio Martínez, director-xerente de Expourense, subliñou que este congreso exemplifica a cooperación existente entre Expourense e a Universidade de Vigo, explicando que “hai varios anos xa que o Campus Auga é un socio estratéxico de Termatalia, intentando colaborar en cada edición independentemente de onde se celebre a feira”, afirmou.

Da xestión termal á economía circular

Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e presidenta do comité organizador do congreso, foi a encargada de detallar as características do evento, agradecendo a colaboración das entidades implicadas. O congreso ten un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, tales como a súa xestión en empresas e turismo, o patrimonio hídrico, o turismo deportivo e o termalismo. Dentro da temática xeral sobre a auga, esta quinta edición, explican desde a organización, “propón analizar diferentes liñas de investigación, nas que se contará coa participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán diferentes resultados ou modelos de investigación de acordo cos seguintes bloques temáticos: actividade turística e auga, termalismo, economía circular e empresa e economía e auga”. Ao longo da celebración desta cita exploraranse ademais aspectos como a responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos.

Concretamente, no V Congreso Internacional da Auga presentaranse máis de 40 traballos en diferente formato, desde comunicacións a paneis, centrados arredor do 40% deles na xestión termal e o resto en temáticas de economía empresarial, economía circular e actividade turística. Ademais, o programa inclúe mesas redondas (sobre temas como o termalismo como fonte de saúde e benestar); conferencias (sobre temáticas como a economía circular na xestión da auga); talleres e a entrega dun premio á mellor comunicación na área de xestión da auga, concedido pola Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa (ACEDE). O congreso, lembran por último desde a súa organización, está destinado a investigadoras e investigadores da comunidade universitaria, persoal de I+D de entidades públicas ou privadas que traballan sobre a temática da auga en diferentes escalas e persoas interesadas.