DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar os días 30 de xuño e 1 de xullo no pavillón de deportes

O V Torneo Internacional de Xadrez será de partidas rápidas e lóstrego

O prazo para inscribirse está aberto ata o xoves 28 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/06/2018

O campus de Ourense presentou este martes o que será o V Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense, unha cita que se presenta renovada en formato co obxectivo de ser máis dinámica e participativa. Nesta edición, a competición, que se desenvolverá os días 30 de xuño e 1 de xullo no pavillón de deportes universitario, contará con dúas modalidades de xadrez, as modalidades rápida e lóstrego. 

O torneo, que conta co patrocinio do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense, foi presentado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deportes do campus, e Luís Pérez, do Club Universitario de Ourense de Xadrez. Da cita, Esther de Blas salientou como entronca coa aposta da institución académica “polo fomento do deporte e da cultura” e amosou o seu desexo de que unha vez máis sexa un éxito. “Este ano agardamos que aumente a participación dado o cambio de modalidades. Contamos unha edición máis con acadar unha presencia notable de grandes mestres e mestres internacionais pero tamén queremos facilitar a participación de xogadoras e xogadores ourensáns”, detallou Rodrigo Alberte. A previsión da organización é aumentar de 80 a 150 a participación nesta edición. 

5800 euros en premios

“Será un torneo diferente, no que aumentaremos a base de participantes locais”, explicou Luís Perez. A duración de sete días e o formato de xogo desenvolvido nas anteriores edicións, apuntou, “era moi esixente”. As novas modalidades de xadrez, rápido e lóstrego, e os dous días de duración da competición contribuirán, apuntou Luís Perez, a que sexa “un torneo dinámico e atractivo para o público no que poderán participar de xeito masivo os clubs de xadrez da provincia e da contorna”. Igualmente, desde o Club Universitario de Ourense de Xadrez destacan como se seguirá apostando pola calidade e a internacionalización do torneo, agardando contar con arredor de 20 grandes mestres e mestres internacionais e de figuras como David Lariño.  

O director do V Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense será Lino Hermida e o árbitro principal Francisco Javier Ogando, árbitro Internacional FIDE. A competición disputarase polo sistema suízo a nove rondas, sendo o ritmo de xogo de 10 minutos por xogador ou xogadora, máis 3 segundos por cada xogada realizada, no caso da modalidade rápida, e de 5 minutos por xogador ou xogadora, máis 3 segundos por cada xogada realizada, no caso da modalidade lóstrego. O torneo de partidas rápidas celebrarase o sábado 30 de xuño e o de partidas lóstrego o domingo 1 de xullo. Cun número de prazas limitado a 300, o prezo de inscrición é de dez euros na modalidade de xadrez rápido e cinco euros na modalidade lóstrego, estando exentos de pago as e os xogadores e xogadoras do Club Universitario de Ourense de Xadrez. En total entregaranse 5800 euros repartidos en 48 premios nas dúas modalidades. O prazo para inscribirse está aberto ata o xoves 28 de xuño. As persoas interesadas poden solicitar máis información en xadrezcampusou@gmail.com.