DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita estivo organizada polo Club Natación Escualos

A V Travesía Encoro Os Peares reuniu a case un centenar de participantes

Tamén o domingo tivo lugar o II Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 17/06/2019

Este domingo un centenar de persoas déronse cita na V Travesía Encoro Os Peares organizada polo Club Natación Escualos Campus da Auga. O mesmo día tamén se celebrou, con saída e chegada nas instalación universitarias do campus de Ourense, o II Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense, organizado polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou.

Natación

A quinta edición da Travesía Encoro Os Peares, explican desde a  organización, reuniu a “case un centenar de valentes, entre eles unha decena de nenos, que se atreveron a cubrir as distintas distancias” a unha temperatura da auga de 18 graos. “Salientar que nesta edición o día foi espectacular, cunha xornada de natación en augas abertas na que todos, nadadores e afeccionados, gozaron”, comentan desde o Club Natación Escualos Campus da Auga. Os gañadores absolutos na travesía infantil foron Carlos Novelle e Catalina Amalia López e o premio ao nadador máis novo en cubrir a distancia de 200 metros foi para Daniel Novelle, de seis anos. O premio ao nadador de máis idade foi para Manuel Antonio Rodríguez e os gañadores da categoría universitaria Trofeo Campus da Auga foron María Cotos e Baltasar García Perez-Schofield. Na categoría de 1200 metros a vitoria foi para Iria Guadalupe Lemos e na de 3600 metros para Lucas Costa. Tamén gañaron vales por diferentes contías en Bouso Intersport Pedro Álvarez e Catalina Amalia Lopez, Iván Fernández e Alba González e Carla Gollanes e Lucas Costa.

Marcha nórdica

O II Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense celebrouse tamén este domingo 16 de xuño. A cita, organizada polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou coa colaboración de diferentes entidades, entre elas o campus de Ourense, tivo como obxectivo dar a coñecer ao público en xeral este deporte en auxe, que consiste en camiñar coa axuda e impulso de bastóns similares aos empregados no esquí. Case medio centenar de asistentes participaron no percorrido que partiu e rematou nas instalacións deportivas do campus de Ourense e que transcorreu pola beira do río Miño. “O obxectivo da iniciativa foi achegar, dunha forma lúdica, o mundo da marcha nórdica desde o punto de vista deportivo e saudable. Ademais, preténdese con ela ampliar esta practica ao ámbito competitivo e crear lazos con outros clubs e asociacións galegas para facer unha comunidade cada vez máis grande”, comentan desde a organización. Antes do open Cristina González, experta internacional nesta modalidade, impartiu un taller ás persoas interesadas e despois do percorrido fíxose entrega dos galardóns. Na categoría feminina acadou o primeiro posto Mª Jesús Rivas, seguida de Matilde Tarrío e Mónica Pérez. A categoría masculina estivo liderada por Javier Bañón, seguido de Roberto Carlos Gaitán e Pedro Rodríguez.

Nova directiva en rugby

Ante a dimisión como presidente de Juan Carlos Rodríguez, o Campus Universitario Ourense Rugby Club abre unha nova etapa cunha nova directiva. O novo presidente do club é José Luis Rey e a vicepresidenta María José López. Borja Leyenda, como secretario; Jesús Milla, como tesoureiro, e Alberte Paz e Luis Miguel Garnil, como vogais, competan a nova directiva.