DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Rosalía de Castro fai unha recomendación de libros para o verán

Estas vacacións, que non falte a lectura

Os exemplares están dispoñibles no recuncho temático da entrada do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/06/2019

Sempre buscando un fío de interese vinculado con cuestións de actualidade, o novo recuncho temático da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense está dedicado neste caso a recomendar lecturas para o verán. No espazo habilitado na entrada do centro, as e os seus usuarios poden ver e levar emprestados libros recomendados polas e polos técnicos desta biblioteca para enriquecer o tempo de ocio nas vacacións.    

“O recuncho Lecturas de verán trata de fomentar e dinamizar a lectura entre as e os nosos usuarios, fundamentalmente entre o alumnado universitario, agora que finalizados os exames teñen máis tempo para dedicarllo á lectura. Por iso fixemos unha selección ampla e variada que abrangue tanto literatura en castelán como en galego, diferentes xéneros e moi diversas temáticas”, comentan desde a organización dos recunchos, que naceron para dinamizar os fondos dispoñibles na biblioteca universitaria e fomentar a lectura entre o público.

A selección feita, apuntan as e os responsables desta iniciativa, “persegue incidir na vertente lúdica e de goce da lectura” escollendo para o recuncho “un pouco de todo”. Así, entre o amplo abano de títulos expostos, que se van repoñendo con outros novos a medida que son emprestados, están El turista desnudo, de Lawrence Osborne; La tormenta de nieve, de Johan Theorin; El día de mañana, de Ignacio Martínez; La memoria secreta de las hojas, de Hope Jahren; Lagartija, de Banana Yoshimoto; Besta do meu sangue, de Emma Pedreira, e Ámote Leo A., de Rosa Aneiros. “Tratamos de chegar a todas e todos, de atopar para cada quen aquel libro que seguro lle gustará. Queremos que as e os nosos usuarios lembren que nas vacacións un libro pode ser un gran compañeiro para o tempo de ocio”, comentan as e os promotores da actividade. Nesta ocasión, o recuncho, ademais do espazo habilitado na entrada da biblioteca conta cun segundo espazo na entrada da sala principal.