DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo galego actuou reivindicando o “guachinei” no Teatro Vidal Bolaño

De Vacas “pacen” no campus no peche da programación cultural do primeiro cuadrimestre

Diversión, orixinalidade e moita retranca é o que caracteriza a estas “vacas que cantan e rin"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI 05/12/2019

O concerto que o grupo de De Vacas ofreceu onte mércores no Teatro Vidal Bolaño puxo o broche final á programación cultural do campus de Vigo para o primeiro cuadrimestre, que incluíu diversos concertos, representacións teatrais, o Ciclo de Cine e Lingua e a Semana de Cine Submarino. A banda, que vén de ofrecer concertos en toda Galicia enchendo prazas e teatros, actuou onte á tarde no campus, onde tamén tivo unha grande acollida entre a comunidade Universitaria.

De Vacas, “catro vacas que cantan e rin”, como elas mesmas se definen, é o proxecto musical das vocalistas Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ao que se uniu o guitarrista Guillerme Fernández. O grupo, que nun primeiro momento naceu coa intención de facer versións de ídolos da súa infancia como as Spice Girls, converteuse en todo un éxito trala aparición en Youtube do videoclip ‘Amodiño’, unha parodia da canción ‘Despacito’, de Luis Fonsi. Trala fama acadada, De Vacas decide compor versións doutras cancións como ‘Gagnam Style’, ‘El Taxi’ e outras moitas, sempre, iso si, con certa retranca, cantando en todos os idiomas e reivindicando o que elas chaman “guachinei, esa lingua minorada”. As integrantes din ser, ademais de amantes de cantantes pop como Cristina Aguilera, Mónica Naranjo, Enrique Iglesias etc. dos cales rescatan retrousos e cancións comerciais, tamén “amantes dos poetas galegos”. Tanto é así que participaron na creación dunha homenaxe a Emilia Pardo Bazán para a Real Academia Galega. Entre os seus éxitos tamén se atopan a creación do himno do Festival de Cans e a recepción do premio Martín Códax da Música en 2016.