DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrega de galardóns contou coa participación da conselleira Mª Jesús Lorenzana

A Valedora do Pobo e as tres universidades galegas premian os mellores traballos en materia de igualdade e dereitos das mulleres

Recoñecéronse os proxectos de tres alumnas: Cinthia Piñeiro, Ana Souto e Carmen Castrillo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/05/2023

Ana Souto Mínguez, Cinthia Piñeiro Acevedo e Carmen Castrillo Sotelo. As tres son mulleres, as tres se formaron nas universidades galegas e as tres están comprometidas coa loita pola igualdade. Elas son as gañadoras da terceira edición dos Premios Valedora do Pobo aos mellores Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Máster en materia de igualdade e dereitos das mulleres e este luns recibiron os seus galardóns nun acto celebrado na sala de xuntas Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero, actividade que contou coa participación, entre outras autoridades, da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, e a delegada do reitor para temas de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Pérez.

Nesta edición presentáronse 32 traballos de Fin de Grao e 11 de Fin de Master e o xurado dictaminou outorgar o premio ao mellor Traballo Fin de Máster ao titulado Conquistando o baleiro: as voces de profesoras e alumnas en ciclos formativos masculinizados, de Ana Souto Mínguez, da Universidade da Coruña. No caso dos Traballo Fin de Grao, ex aequo, os premios foron para Carmen Castrillo Sotelo, da Universidade de Santiago de Compostela por A xestación por substitución no Dereito Civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo, e para Cinthia Piñeiro Acevedo, tamén da USC, por Quen son elas? O deporte dende a perspectiva de xénero.

 “Sorpréndenos a participación, a visión e a magnitude dos enfoques"

Con esta van xa tres edicións dos premios e, tal e como recalcou durante o acto a valedora, Dolores Fernández, a experiencia está a ser magnífica. “Cada ano sorpréndenos a participación, a visión e a magnitude dos enfoques cos que chegan os novos traballos”, subliñou a valedora, ao tempo que fixo fincapé en que todos os anos os traballos premiados anticipan debates sociais que no momento da concesión do premio non estaban aínda sobre a mesa. “Tamén constatamos a motivación que lles supuxo ás autoras, sempre mulleres, orientar as súas investigacións cara a posición das mulleres na nosa sociedade, tal e  como pretendemos na convocatoria destes premios”, recalcou Fernández Galiño. Durante o acto de entrega a valedora destacou tamén a importancia de que o coñecemento que se atesoura nas universidades se transmita ás novas xeracións e, neste senso, lembrou que a convocatoria destes premios busca fomentar o estudo e a investigación, para abrir novos espazos ao coñecemento humano cos que identificar e nomear as discriminacións e as desigualdades e investigar medidas para erradicalas e seguir a avanzar na loita pola igualdade. “Con vosos traballos estades a contribuír á creación dun corpo de doutrina nesta materia, feito desde a nosa contorna, as nosas universidades”, subliñoulles ás tres alumnas premiadas.

Pola súa banda a conselleira de Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, aproveitou a súa presenza nesta acto para reivindicar que a nova lei galega de igualdade situará a Galicia “á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller”, nomeadamente no eido laboral, ao regular o concepto de sustentabilidade social empresarial que contribuirá a crear unha verdadeira cultura empresarial para atraer e reter talento e crear equipos diversos. A maiores, lembrou tamén a importancia de ir creando conciencia para, “pouco a pouco”,  ir combatendo as desigualdades que aínda persisten entre os homes e as mulleres. “A discriminación por razón de xénero é a discriminación máis estendida en todo o mundo e en todas as épocas da historia, unha discriminación que adopta formas do máis diversas, desde as máis evidentes como a violencia física, ata outras máis difíciles de recoñecer, como as inxustizas, a falta de oportunidades e a precariedade que a veces se xera polo mero feito de ser muller”, subliñou a conselleira, que tamén resaltou a importancia de ir derruíndo os roles de xénero. “Desigualdades segue a haber e, polo tanto, temos que identificar as causas e, a partir de aí pór as medidas correctoras para, de forma conxunta toda a sociedade, seguir avanzando. Todos somos axentes claves nos cambios e nos avances que se teñen que dar”, engadiu a conselleira.

Desde as universidades galegas tanto Julio Abalde como Mónica Valderrama fixeron fincapé no papel que están a levar a cabo as tres universidades galegas en todo o que ten que ver na loita pola igualdade, desde as medidas máis simbólicas, como o renomeamento dos edificios con nomes de mulleres que a historia se encargou de invisibilizar, ata outras de máis calado en favor da promoción das mulleres. “As universidades galegas somos un exemplo conxunto do traballo a favor da igualdade”, salientou Abalde.

Xunto a todas elas e eles o acto contou tamén coa participación de José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo de Galicia; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández; a secrataria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a presidenta da Comisión de Igualdade do Parlamento de Galicia, Marisol Díaz, así como numerosos integrantes da comunidade universitaria das tres universidades galegas.

“Pioneiras e afoutas”, “mulleres bravas”, “invisibilizadas”...

O xurado  dos premios, que na súa meirande parte asistiu tamén ao acto, estivo constituído pola valedora do pobo e a súa adxunta, Mª Xosé Porteiro; María Castro, técnica de igualdade da Valedora do Pobo; Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Marta Pérez Pereiro, representante da USC e Ana María Neira Pena, representante da UDC. Fernando de Andrés Alonso, secretario xeral da Valedora do Pobo, actuou como secretario do xurado e, no acto de hoxe foi o encargado de ir nomeando ás gañadoras para recoller os seus diplomas.

Nas súas intervencións cada unha expuxo os motivos que as levaron a investigar sobre estas temáticas. Arroupadas polas súas familias, explicaron con emoción, a importancia de pór en valor as historias de mulleres “pioneiras e afoutas”, “mulleres bravas”, “mulleres invisibilizadas”.

Cunha dotación económica de 1000 euros, as tres investigacións, tal e como se anunciou no acto, foron xa publicadas na web da Valedora do Pobo, no espazo Falamos de Feminismo.