DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornadas sobre Xestión Forestal para a Sustentabilidade

O valor sentimental, estético e cultural da biodiversidade non ten prezo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 08/11/2007

Todos os cartos do mundo non chegarían para substituír artificialmente o que nos proporciona a biodiversidade. Isto sumado ao seu valor estético, cultural, educativo, sentimental e científico, danos unha idea da importancia que ten o coidado dos nosos bosques e a conservación da biodiversidade biolóxica. Este foi o tema principal das xornadas sobre Xestión Forestal para a Sustentabilidade que comezaron esta tarde no salón de actos da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal de Pontevedra.
O coordinador das xornadas e catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero, presentou as sesións que teñen como obxectivo explorar as diferentes funcións dos ecosistemas forestais, desde a perspectiva da xestión forestal sostible e mostrar que os bosques son moito máis ca lugares onde se produce madeira. “Consideramos que era interesante organizar estas xornadas, nas cales diferentes persoas nos deran a súa opinión e o seu punto de vista sobre este concepto e ao mesmo tempo aproveitar a ocasión para presentar un libro que foi publicado recentemente. A idea é, polo tanto, explorar as funcións dos bosques, é un foro de participación”, explicou Adolfo na sesión de apertura.
Nesta primeira xornada os asistentes contaron cos relatorios do catedrático da Universidade de Coimbra, Manuel Graca, e do investigador do Centro de Investigacións Forestais do Ministerio de Educación e Ciencia, Miguel Ángel de Zábala.
Os restantes días das xornadas, que finalizarán o 23 de novembro, trataranse temas como os bosques encantados, a ordenación dos montes, a integración das demandas sociais na xestión dos bosques ou as certificacións de xestión forestal sostible en Galicia.

“Forest and Dragonflies”

Dentro da actividade farase a presentación oficial do libro “Forest and Dragonflies”, que se edita a partir dun congreso internacional celebrado en Pontevedra en xuño de 2005 e pon de manifesto que os odonatos e outros animais úsanse como modelos de transcendencia da xestión forestal para o mantemento da biodiversidade.