DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vangarda artística na Casa das Campás con "Interzonas" e os "Xoves de Moda"

Dentro do ciclo de artes escénicas, o concerto "Aquófono" de Parto terá lugar o venres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 23/04/2008

Esta semana o ciclo que reúne ao mellor das artes escénicas do noso país, Interzonas, preséntase con algúns cambios de última hora que obrigan a pasar unha das actuacións para este venres, 25 de abril. Deste xeito, a compañía Nut Teatro representará a obra 4.48 Psicose o xoves ás 21.00 horas, tal e como estaba previsto, e o concerto Aquófono da man do dúo Parto terá lugar ao día seguinte ás 22.00 horas. Cada semana na Casa das Campás esta iniciativa, organizada pola Vicerreitoría do campus coa intención de dar cabida a unha programación cultural diversa que atraia a todos os públicos, acolle dúas actuacións, unha do eido teatral e outra musical, cheas de calidade e que amosan as novas tendencias artísticas do panorama nacional e internacional.

Interzonas: Nut Teatro e Parto

As dúas propostas que esta semana ofrece o ciclo de artes escénicas Interzonas, caracterízanse polo uso diferente que fan dos elementos artísticos. En primeiro lugar, os espectadores poderán asistir á representación da obra 4.48 Psicose, unha milimétrica e dramática crónica do suicidio que a propia autora cometería tres meses despois da súa escrita. Trátase de creatividade en estado puro a través das palabras, da dor inmensa e da súa lucidez brutal coa que a compañía Nut Teatro pretender achegar aos asistentes a súa proposta escénica, baseada na mestura de fórmulas especificamente teatrais con outras máis próximas á performance.
Pola súa banda, este venres 25 de abril, o dúo musical Parto presentará na Casa das Campás o seu proxecto Aquófono, unha escultura sonora portátil que a partir de botellas se soro fisiolóxico emite sons e melodías realmente relaxantes.

Os Xoves de Moda tamén na Casa das Campás

A sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra tamén acolle esta tempada e ata o vindeiro 29 de maio o ciclo Os Xoves de Moda, organizados pola Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) e que esta semana contará coa presenza do deseñador bilbaíno Carlos Díez. Este profesional de gran repercusión nos medios, leva no mundo da moda moito tempo pero desde fai tres anos presenta as súas propias obras en Cibeles, onde foi galardoado co Premio L’Oreal á mellor colección nova na pasarela do 2006. O seu estilo é radical e alternativo, sempre recreando unha estética masculina e de vangarda que amosará aos estudantes de Esdemga na quinta sesión do programa.