DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Encontro Internacional de Artes Transdisciplinares

A vangarda artística de Fronteiras 07 dáse cita no campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Lourdes Otero DUVI 03/10/2007

Co tema transfronteirizo como telón de fondo, e enmarcado no I Encontro Internacional de Artes Transdiciplinares, inaugurouse onte a mostra “Fronteiras 07”. Unha exposición colectiva que recolle os traballos resultantes das residencias artísticas que tiveron lugar, o pasado mes de setembro, na Ila de San Simón e a vila portuguesa de Nodar. Pero a mostra, como sinalou o profesor e coordinador da sala X, Xosé Manuel Buxán, “é moito máis que a simple exhibición dunhas pezas, é un proceso moi complexo de relación entre artistas de diversos ámbitos e países”. Ademais, continuou, “Fronteiras é unha peza máis que se integra nun programa de residencias e xornadas de conferencias”.
No acto de inauguración, os artistas participantes estiveron acompañados polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández; o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia; Xosé Manuel Buxán; a concelleira de Cultura e Universidade de Pontevedra, Lola Dopico e os presidentes das asociacións organizadoras alg-a e Binaural, Roi Fernández e Luis Costa, respectivamente.

Obras

A sala X da Facultade de Belas Artes e Casa das Campás acollerán, ata o vindeiro 13 de novembro, un total de dez obras nas que, artistas vidos dos máis diversos recunchos do planeta expresaron a súa particular visión das fronteiras.
Richard Lerman xoga, na súa obra, coa idea da transmisión de ondas sonoras na fronteira entre África e Europa; Mona Higuchi fai unha reconstrución do mapamundi dos voos segredos da CIA para torturar a prisioneiros de guerra; Maksims Shentelevs traballa coa idea non intervencionista na paisaxe empregando, para elo, diversas gravacións sonoras; e a instalación de Azul Martina xira arredor da problemática de Ence.
Deixando a un lado as interpretacións políticas e reivindicativas, hai outras visións máis particulares e intimistas como os “Zapatos do meu pobo” de María Idília, os “Souvenirs” de Vered Dror, a “Transgresión” de Amaya González, o proxecto “Eu só quero ser” de Antonio Pedro, “A morte como fronteira” de Carlos Suárez ou a instalación sobre o concepto do tempo de Leila Durán e Arturo Reboiras.

Portugal

Unha vez clausurada a mostra en Pontevedra, Fronteiras 07 viaxará, o vindeiro 20 de novembro, ás Termas de San Pedro do Sul en Portugal. O obxectivo é, ao igual que no caso do campus de Pontevedra, mostrar os traballos resultantes do encontro no país veciño.